O Día Mundial das Abellas é unha celebración internacional para facer difusión sobre a importancia das abellas e reivindicar a súa necesaria protección como gardiás do medio ambiente. A delegación en Ourense da Asociación Galega de Apicultura súmase a esta celebración cunha actividade divulgativa que se desenvolverá durante a mañán do 20 de maio no Festival Internacional de Xardíns de Allariz.

A celebración do Día Mundial das Abellas ten como obxectivo sensibilizar á sociedade sobre a importancia das abellas na súa función de polinización polos beneficios que aporta á agricultura, ó medioambiente e á alimentación. A delegación de AGA en Ourense súmase a esta celebración cunha actividade que terá lugar o 20 de maio no Festival Internacional de Xardíns de Allariz, de 11 a 14 h. Arredor da Casa das Abellas dos xardíns, apicultores locais ofrecerán unha degustación de meles e atenderán unha mesa informativa sobre a Vespa velutina.

Ademais de sensibilizar sobre a importancia das abellas, é preciso concienciar sobre a súa protección fronte ós problemas que as ameazan, entre os cales está a Vespa velutina, o tártago asiático, que está causando estragos na cabana apícola galega e este ano está aumentando a súa presenza na provincia de Ourense. Por iso dende a asociación se considera necesario aproveitar esta xornada para ofrecer información sobre o problema e que todo o mundo poida colaborar, xa que non só lle afecta ó sector apícola, é un problema medioambiental que nos ameaza a todos e todas.