O Concello de Allariz está convidado a participar na XIV Mostra de cultivos do Baixo Miño, que terá lugar os días 4 e 5 de marzo, en Tomiño, onde se exhibirán as producións de planta ornamental e as novidades xurdidas no sector.

A través dun stand “vivo” Allariz dará a coñecer o Festival Internacional de Xardíns de Allariz “cunha recreación viva con elementos decorativos novidosos que, de seguro, chamará a atención dos visitantes”, explicaba o concelleiro de medio ambiente, Bernardo Varela. Ademais haberá un espazo de exposición na que se mostrarán diferentes fotografías dos xardíns de Allariz.

A Asociación Cultivos Baixo Miño (Acubam), organizadora da Mostra, e o Concello de Allariz levan tempo colaborando, a través de convenios de colaboración en relación ao Festival de Xardíns.