O Xardín da Escola

Edición 2018 – Parcela 8

Para a vista, o pracer das cores, a diversidade das formas… O oído recréase coa música no aire, co son da auga, co vento movendo as follas…, soando todos á vez en harmonía. O tacto atopa as texturas das superficies, a suave pel de quen nos acompaña, a frescura da auga… O olfacto comprácese no recendo das flores e no fresco efluvio das herbas. E os froitos maduros acariñan o gusto. Todo xunto é un xardín, un espazo para os sentidos e o pracer, para o goce da natureza e para o goce da compaña.

Parecía imposible tratar o tema do erotismo no ámbito da escola. Hai prexuízos. Como presentar isto a rapazas e rapaces de 15 anos? Onde poñer o límite? Hai pudor, vergoña. Que aprendan eles, a nós (o profesorado) ninguén nos ensinou. Porén, para calquera de nós é fundamental nas nosas vidas. Como entrar na idea do Eros sen erros? Polos sentidos, como nos entra todo coñecemento. Este é o tema da nosa proposta. Pero queriamos que fose divertida, con pracer, con cousas para facer que levasen ao descubrimento do que para cada un é o erotismo. Para que tivese sentido máis aló dos sentidos.

Quixemos un xardín fresco e íntimo, no que non todo quedase desvelado dun primeiro golpe de vista. Un locus amoenus acolledor e vistoso, e no que se puidesen facer cousas: ler, xogar, acubillarse, descansar, gozar da música e da auga, e que perdurase na memoria.

Este xardín da escola forma parte do traballo de todos os días, e queremos expoñelo e compartilo. Por iso conecta con proxectos que fixemos outros anos, como o que dedicamos á reciclaxe. Queriamos que achegase esa continuidade na que pretendemos tamén fomentar o respecto á natureza, o amor a esta vila, o respecto ao que é de todos. Formar e formarnos con intelixencia emocional.

Sería imposible sen o traballo e as ideas do alumnado, rapaces e rapaces desta vila e a contorna, que deron frescura ao proxecto e fixeron os elementos que complementan e dan vida ao que, se non, sería só un bonito conxunto de plantas. Os alumnos e alumnas de terceiro de ESO do IES de Allariz, verdadeiros factores do proxecto, danvos a benvida. Descansade uns instantes gozando do fresco, xogando no túnel, mollando as mans na auga da fonte, tomando unha pedriña como recordo, rozando as follas ou respirando o variado recendo das plantas que escollemos.

Patrocinador

EQUIPO: IES ALLARIZ

PROCEDENCIA: Allariz