• Allariz 1927 - Entrada e vista xeral
    1924 Vista xeral dende a entrada pola Alameda

Vintecinco fotografías asáltannos dende as rúas do centro histórico. Son imaxes do pasado e tamén pequenos trucos de maxia que nos transportan á realidade dos anos vinte e trinta.

A mostra <Allariz na memoria… e no corazón> desvela ás olladas do século XXI o Allariz das grandes feiras de gando, da vella Festa do Boi, dos monumentos imperecedoiros e das pequenas accións humanas dun tempo que foi e que nos fai ser. Tradicións, monumentos, natureza… pero, sobre todo, vida, persoas e experiencias asáltannos no noso camiñar.

Dende o imperturbable escenario das paredes graníticas, as fotografías demostran que a vida muda drasticamente pero mantén sempre, no fondo do escenario ou na esencia dos personaxes, un aire de continuidade que nos configura e nos asenta como pobo.

Co sabor pausado das imaxes traballadas no cuarto escuro, sen alardes tecnolóxicos, a historia máis humana de Allariz sáenos ao encontro.

Agóchase tamén nas caixas e nos álbums esquecidos nos faiados de moitas casas. Desvelar e compartir o sabor dun xantar familiar, dun encontro nas festas de San Bieito, dunha vella procesión ou dun partido en Vilanova é posible na páxina web www.allariz.com/memoria, un novo caixón de memoria colectiva para reconstruír o Allariz con máis corazón.