Entre o 29 de setembro e o 15 de outubro Allariz celebrará as VI Xornadas de Carne de Boi de Allariz.  As xornadas teñen por obxectivo a exaltación deste manxar producido en Allariz, nos  montes de Penamá.

Con este motivo o Alcalde Francisco García e a Tenente de Alcalde, Cristina Cid, achegáronse hoxe ata o matadoiro para ver de preto aos 6 bois en canal que serán degustados nas Xornadas. Un total de 3.000 kilos de carne de boi de Allariz “unha carne única con características que a fan especial”.

Os 6 bois, de razas autóctonas, permitirán a elaboración de menús especiais e tapas que o conxunto da hostalería de Allariz ofrecerán a partir do 29 de setembro para que “gocemos desta carne con valor gastronómico importante”.

Esta actividade, enmarcada dentro do programa Allariz Sabe, trata de poñer en valor a produción local de carne de boi que pretende, ademais, contribuír á  dinamización económica da localidade.