O pleno da corporación municipal reunirase mañá, venres 29 de abril, para celebrar a sesión ordinaria correspondente ao mes de maio.

A partir das 20:00h o pleno debaterá os puntos incluídos na orde do día. Entre os temas a tratar atópase a aprobación da conta anual 2015 da empresa municipal Reatur, SA.

A empresa municipal de turismo de Allariz, Reatur SA, adícase á xestión de servizos turísticos centrados na dirección do cámping de primeira categoría, a organización de excursión guiadas e deseño de paquetes turísticos, e a xestión da cafetería e o club hípico incluíndo servizo de pupilaxe, formación en equitación e aluguer de paseos a cabalo para turistas. A xestión do centro de tendas outlet tamén forma parte do cometido de Reatur.

Durante o ano 2015, Reatur S.A facturou 365.198€. O montante principal céntrase na reserva de bungalows e parcelas para tendas de campaña, xestión de tendas Outlet e organización de excursións. A empresa atendeu, no pasado ano, a máis de 24.000 persoas. Rexistráronse 6.300 visitas guiadas a museos e 18.000 no resto de actividades (organización e acollida de campus deportivos, aloxamento de turistas e excursións guiadas).

Os gastos contan 317.039€ (persoal e aprovisionamentos) que xunto con outros gastos correntes arroxan un beneficio, na conta xeral de 2.000 euros.

“A empresa municipal turística contribúe, coa súa actividade, na dinamización turística e económica de Allariz ofrecendo, ademais, postos de traballo directos e indirectos” explica a concelleira Cristina Cid.