Allariz inicia a conta atrás para a celebración da Festa do Boi que este ano conmemora os 700 anos de historia dende que, en 1317, Xan de Arzúa sae a lombo dun boi encabezando a procesión de Corpus.

Integrantes da Asociación Cultural Xan de Arzúa, encargados da organización da Festa, acompañados polo Alcalde de Allariz, Francisco García,  presentaron, esta mañá, as novidades que se desenvolverán do 10 ao 18 de xuño.

O acto comezou coa presentación do cartel, resultado dun concurso público (aberto dende novembro 2016 ata xaneiro 2017) que gañou o murciano Rubén Lucas García. “O cartel é basicamente é un 700 a primeira vista pero o que representa é un boi e o sedeño”, explicaba o creativo.

Dende o ano 1983, ano de recuperación da Festa, ata a actualidade o evento medrou no número de actividades na súa programación. Carreiras do boi, representacións teatrais, encontros populares, actividades para nenos e moita máis música centran o programa deste ano especial que comezará o 10 de xuño coa tradicional Baixada dos Bois dende Penamá.

Outra das novidades do 700 aniversario ten que ver coa cor do pano que todo participante da festa leva ao pescozo. “ Un símbolo de identidade que este ano muda de cor ao verde que representa Allariz” sinalaba o rexedor Francisco García.

Actividades anuais

A conmemoración dos 700 anos de historia comezaba o pasado mes de decembro do pasado ano, coa carreira infantil dos 700 en fin de ano. “Un dos empeños deste ano da Asociación pasa por non limitar ás actividades de celebración nos nove días da Festa. Durante todo o ano organizamos actos que recorden este aniversario”, apuntaba Eva Sampedro, secretaria da Asociación.

A cachuchada no Entroido, o Expoboi de traxes medievais inaugurado en marzo no Museo da Moda de Allariz e actividades variadas cos alumnos do CEIP Padre Feijóo leváronse a cabo ata o de agora. Aínda quedan por celebrar o ForoBoi 700, a finais de abril; a exposición dos carteis que participaron no concurso do cartel anunciador da Festa; o curso “As danzas gremiais” e Encontro de Tarascas, a exposición “700 anos de historia, ben valen unha festa” ou a inauguración dunha estatua en pedra alusiva á Festa son, entre outras, actividades que terán lugar durante o ano.

Financiamento da Festa

A Festa do Boi conta cun orzamento de 93.000euros, sufragado, segundo explicaba o tesoureiro Pablo Hernández, “pola achega voluntaria dos veciños e veciñas, comerciantes e hostaleiros de Allariz aos que porta por porta  se lles pide contribución. Nun menor porcentaxe a venda de produtos relacionados co evento”.

FESTA DO BOI • Cuadríptico 50x21 (1)_Página_1 FESTA DO BOI • Cuadríptico 50x21 (1)_Página_2