Allariz foi o escenario escollido para presentar a segunda edición de Terra Máxica que terá lugar do 2 ao 30 de abril en diversos escenarios de cinco concellos da provincia de Ourense: Allariz, A Rúa, Baños de Molgas, Barbadás, e Verín. Ademais dos espectáculos de cinco grandes artistas, como Fran Rei, o Mago Teto, Dani García, o Mago Xacobe e o Mago Paco, Terra Máxica caracterízase polo seu apartado formativo, cunha charla específica do Mago Teto, “A incrible historia da maxia”.

Esta iniciativa, organizada polo Mago Teto e Culturactiva S. Coop. G., mantense grazas ao traballo en rede dos concellos participantes, nun esforzo por achegar a cultura á cidadanía, non só nos grandes escenarios, senón noutro tipo de espazos, e por dinamizar máis aínda a vida cultural destes concellos a través das artes escénicas, máis en concreto, con maxia de primeiro nivel.

Espectáculos de primeiro nivel 

A Casa da Cultura de Allariz programará os domingos ás seis da tarde, sendo o primeiro o día 9, co espectáculo O conto de Barriga Verde, de Fran Rei, inspirado en relatos de Manuel María. O domingo 23 será a quenda do Mago Teto, con 25 anos de Tolemaxias, e esa mesma mañá ofrecerá no mesmo espazo a charla “A incrible historia da maxia”. Xa o domingo 30 tocaralle ao Mago Xacobe, con Ilusións máxicas.