Allariz acolle o I Congreso de Jóvenes Empresarios de Ourense coa participación de importantes firmas

A provincia de Ourense ten sectores estratéxicos con potencial e futuro, e o obxectivo deste congreso non é outro que dalos a coñecer, e difundir a cultura empresarial que hai ó redor deles, ademais de demostrar, como di o lema dos novos empresarios, que en Ourense hai futuro.

Fomentar o intercambio de experiencias e coñecer modelos empresariais son tamén finalidades desta cita, un punto de encontro que favoreza as sinerxías do tecido produtivo destes sectores. Este congreso organizado polos empresarios de AJE Ourense celebrarase o próximo 2 de febreiro no hotel Oca Vila de Allariz desde as nove e media da mañá e nel terán cabida mesas de debate de tres sectores: téxtil, agroalimentario e tecnolóxico.

Tal e como relatou o presidente de AJE Ourense, Lois Babarro, na presentación desta mañá, a mesa téxtil será conducida por Jorge Vázquez, membro da asociación e nela están confirmados dous representantes de firmas recoñecidas como Adriana Domínguez, de Adolfo Domínguez, e Clemente Cebrián, de El Ganso.

Outro sector de trascendencia na provincia é o agroalimentario, sobre o que os empresarios de AJE Ourense queren facer un chamamento social da súa importancia para acadar o apoio de todos. Esta mesa estará presentada por un restaurador moi vinculado a Allariz como é André Arzúa, e estará nutrida das experiencias de outros representantes deste eido como Pepe Vieira, coñecido restaurador, María Franqueira, do Grupo Coren e Ignacio Rivera de Hijos de Rivera.

Empresas como Egatel, Indra, Bq ou Everis darán contido á terceira mesa do congreso de temática tecnolóxica. Javier Taibo, representante de Egatel, firma cualificada como a máis innovadora de Galicia, fará de moderador das intervencións dos relatores Jesús Lage (Everis), Iván Castro (Bq) e José Luis Albo (Indra).

Lois Babarro destacou que este congreso está ‘orientado a que persoas con gran percorrido empresarial nos seus ámbitos podan ensinar e dar consello, e que os novos empresarios poidan aprender deles’. Así mesmo, quixo desterrar mitos de que en Ourense non hai bos exemplos pois ‘na provincia faise tecnoloxía que se exporta, o sector primario é espectacular e o téxtil está presente nos cinco continentes’. Babarro alentou a que os novos asuman retos empresariais da man de exemplos de segundas e terceiras xeracións de empresas que internacionalizan, innovan, crecen e fan crecer. Para finalizar, lembrou que as entradas ao congreso están dispoñibles na web do colectivo www.ajeourense.com

Pola súa parte Francisco García, alcalde da vila alaricana, da que o Concello colabora na organización do congreso, mostrou a satisfacción de que a asociación escollera Allariz para celebrar este evento e agradeceu a aposta feita pola vila. Recordou que Allariz non é alleo ó ámbito empresarial e froito dunha aposta pola diversificación e como ‘ten conseguido abrir unha dinamización económica e incrementar poboación a través de recursos, apostas singulares e o apoio ó desenvolvemento endóxeno’. García aproveitou para ofrecer ‘a vila de Allariz como marco para plasmar iniciativas que os emprendedores queiran desenvolver’.

2018-01-23T10:05:01+00:00jueves, 11/01/2018|ACTUAIS, EVENTOS, NOVAS ALLARIZ|
X