Allariz acolle, unha nova edición, das Xornadas dos Oficios do Coiro que se desenvolverán do 3 ao 7 de maio.

O obxectivo principal destas xornadas pasa por preservar e conservar o xeito máis tradicional de facer o oficio, entendendo como tal, ese conxunto de coñecementos que permite transformar o coiro en diversos obxectos.

As actividades que engloba a programación son principalmente de carácter formativo, e terán lugar en diferentes espazos da vila, centrándose a fin de semana na fábrica de curtidos “Familia Nogueiras”, unha antiga curtición rehabilitada que alberga o Museo do Coiro de Allariz.

Ás Xornadas acudirán profesionais do sector que impartirán obradoiros prácticos nos que se descubrirán múltiples posibilidades que ofrece o coiro. Crearase un espazo dedicado a compartir e intercambiar técnicas e coñecementos onde os máis pequenos tamén terán o seu lugar para iniciarse no emprego do coiro.

A programación complétase coa exposición “Guadamecileando Boi” de Nelsón Gómez na que se mostra unha colección de debuxos e guadameciles coa temática da Festa do Boi. “ Tendo en conta a estreita relación entre o boi e o coiro e dado que este ano celébrase o 700 aniversario da Festa do Boi quixemos vincular as xornadas coa Festa”, explicaba o artesán Ernesto Sánchez.

Para clausurar o encontro, durante a fin de semana celebrarase, no patio do Museo do Coiro, un mercado no que participarán aresáns do coiro, fabricante de ferramentas e distribuidores de produtos e publicacións relacionadas co oficio.

 

 Programa de mano Jornadas Cuero 2017 INTERIOR