Allariz recicla. Os datos do ano pasado así o demostran. Na actualidade “entre un 40 e 50% da poboación está facendo un bo traballo de separación”  explicaba o concelleiro de medio ambiente, Bernardo Varela.

Durante o ano pasado recuperáronse preto de 300 toneladas de restos orgánicos depositados pola veciñanza nas 25 illas de compostaxe xerando preto dos 30.000 kilos de abono natural “ Os datos do ano pasado son ilusionantes pero fan ver que temos que seguir traballando para acadar mellores resultados”..

O programa RE, pioneiro na xestión de residuos orgánicos en Galicia e que xa está sendo exportado a outras provincias, recibirá unha subvención de 52.000€ do Ministerio de Medio Ambiente que permitirá ao Concello de Allariz poñer en marcha un novo servizo “porta a porta” para a recollida dos restos orgánicos que xera a hostalería e os grandes produtores co obxectivo de seguir aumentando a taxa de reciclaxe en Allariz.

Coa colaboración da asociación ecolóxica ADEGA, seguirase insistindo a través de campañas de información e sensibilización, ademais de realizarse unha enquisa de satisfacción entre a veciñanza. Impartiranse charlas e repartiranse novos colectores.