Esta fin de semana Allariz celebra a Festa da Empanada. O programa ábrese o venres 17 coa actuación do Mago Antón e o seu espectáculo “A volta a Galicia en 313 concellos, no Campo da Barreira. Continúa o sábado 18 co tradicional campionato de Billarda no Campo da Barreira e, pola tarde, ás 18:00h, disputarase unha nova edición do tríatlon “Vila de Allariz”. Ás 24:00h terá lugar o concerto de Carlos Bau & 80 Razones Band nos xardíns do Museo do Coiro.

Xa o domingo, ás 11:00h, A Banda Unión musical de Allariz encabezará o pasarrúas. Á mesma hora celebrarase a XXV Regata de Piragüismo dende o embarcadoiro da Alameda e ábrase a festa campestre no Campo de Vilanova onde haberá postos de empanada durante todo o día. Ás 12:00h desfilarán os xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas De Pé Feito, dende a Casa da Cultura ata o Campo de Vilanova e ás 13:00 concerto da Banda Unión Musical de Allariz. Pola tarde disputarase o triangular de fútbol cos equipos alaricanos CD Allariz e Raio Alaricano e o CD Lalín; e a partir das 19:00 a música será a protagonista co concerto de Forró Mior e o baile popular e verbena coa Orquestra La Dimensión.