O Concello de Allariz acollerá varios cursos de extensión universitaria en colaboración coa Universidade de Vigo; 700 anos da Festa do Boi e outros elementos do patrimonio inmaterial relacionados, organizado desde a Facultade de Ciencias da Educación e a segunda edición de Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, organizado desde Ciencias Empresariais e Turismo.

O campus universitario de Ourense presentaba esta mañá sete cursos a desenvolver entre xuño e setembro, 400 prazas dispoñibles para membros da comunidade universitaria e cidadáns en xeral, prezos “case simbólicos” e unha media de 30 horas de formación.

A programación continúa a liña de actuación de anteriores edicións, introducindo novas propostas, consolidando iniciativas que en anos anteriores tiveron boa aceptación, celebrando cursos non só no campus senón en concellos da provincia.

Tres dos sete cursos de extensión universitaria organizados desde o campus de Ourense terán como escenario diferentes concellos da provincia. Deste xeito, Allariz acollerá 700 anos da Festa do Boi e outros elementos do patrimonio inmaterial relacionados, organizado desde a Facultade de Ciencias da Educación por Xosé Manuel Cid e Fátima Braña, e a segunda edición de Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, organizado desde Ciencias Empresariais e Turismo por José Antonio Fraiz e Noelia Araújo e que tamén terá como escenario A Estrada.