Allariz estende a cría de bois a novas explotacións

O Concello de Allariz aposta por estender a cría de bois polo territorio favorecendo o seu aproveitamento tradicional e pondo en valor a produción de carne de boi de Allariz. Ademais o pastoreo dos bois permitirá así mesmo manter vivo e recuperar os lameiros abandonados.

O pasado venres, o Alcalde Francisco García xunto co concelleiro  de medio ambiente, Bernardo Varela, encargáronse do traslado dos primeiros 20 bois ás primeiras explotacións que se suman ao programa.

O convenio asinado entre o Concello de Allariz e as explotacións permítelles a estas obter unha fonte complementaria de ingresos, de 500€ por animal que pastará nas nova zona con complementos de herba seca nos momentos máis duros de inverno.

 

Carne de boi de Allariz

O proxecto  “Carne de Boi de Allariz”  impulsado polo Concello de Allariz pretende promover a recuperación do territorio mediante o pastoreo e a  produción de alimentación para os bois do programa.  Aproveitando as condicións favorábeis de Allariz –marca recoñecida, importancia do sector hostaleiro e turístico,  declaración UNESCO Reserva da Biosfera,  celebración Festa do Boi-  o Concello de Allariz quere asociar Allariz á carne de boi como reclamo gastronómico de calidade.

O convenio coa Comunidade de Montes Veciñais de Penamá para a produción da raza Limiá, acordo para o engorde de bois na explotación  “O Rego” de Coedo,  a organización de xornadas de carne de boi de Allariz dende o 2011, a aprobación do Regulamento de produción e comercialización de carne de boi de Allariz,  a aprobación e rexistro da marca boi de Allariz,  foron pasos necesarios para proceder agora a un impulso na cría de bois.

2018-06-15T12:15:29+00:00 lunes, 21/05/2018|ACTUAIS, MEDIO AMBIENTE, NOVAS, NOVAS ALLARIZ|
X