A Escola Galega de Apicultura, proxecto formativo no que participan a Asociación Galega de Apicultura, o Concello de Allariz e a Fundación Ramón González Ferreiro, comeza a súa andadura esta primavera cun Curso Básico de Apicultura, o 7 e 8 de abril, e un Curso Superior de Apicultura Comercial, de 6 días de duración repartidos entre os meses de abril e maio. O 20 de maio rematará o curso coincidindo co Día Mundial das Abellas, evento que a Escola Galega de Apicultura celebrará tamén en Allariz con diferentes actividades divulgativas que realizarán os participantes do curso.

A Escola Galega de Apicultura (EGA) persegue cubrir as necesidades formativas para abelleiros e abelleiras galegos. O proxecto é froito dun convenio de colaboración entre a Asociación Galega de Apicultura, o Concello de Allariz e a Fundación Ramón González Ferreiro, que cederá as súas instalacións no lugar de Paciños en Allariz para o desenvolvemento das actividades.

Esta primavera arranca a actividade da Escola co Curso Básico de Apicultura os días 7 e 8 de abril, formación teórico-práctica dirixida a persoas que queiran iniciarse nomundo das abellas ou que xa teñan colmeas pero necesiten actualizar coñecementos.

A segunda das actividades programadas será o Curso Superior de Apicultura Comercial, os días 21 e 22 de abril, 5, 6, 19 e 20 de maio. Este curso vai dirixido principalmente a apicultores e apicultoras con experiencia que queiran incrementar os ingresos por esta actividade. O obxectivo desta formación será a creación de grupos para a produción e comercialización, de xeito organizado, de produtos das abellas que teñen demanda no mercado e contan cun valor comercial engadido. Será un curso  de 36 horas de duración, coa participación de vinte e seis relatores con recoñecida experiencia no sector, que falarán sobre mel ecolóxico, pole, Mel de Galicia, meles crema e outros temas como lexislación, axudas, trazabilidade e boas prácticas apícolas. O curso inclúe unha serie de actividades prácticas como a participación no Día Mundial da Abella, que terá lugar o 20 de maio e a EGA celebrará en Allariz, con actividades para todos os públicos dirixidas a sensibilizar sobre a importancia das abellas así como dos beneficios dos seus produtos.

 

ficha_inscricion_cursos_2018

PROGRAMA CURSO SUPERIOR EGA 2018