Entre os días 3 e 6 de maio desenvolveranse en Allariz unha nova edición das Xornadas dos Oficios do Coiro. Un encontro que reúne a profesionais, estudantes e afeccionados, que fai posible xuntar as diferentes disciplinas no oficio.

Nesta sexta edición, as Xornadas seguen incidindo na importancia da formación como base fundamental para a continuidade do oficio. Escolas de todo o Estado, onde se imparten diferentes especialidades, participan nunha exposición colectiva que se poderá visitar na Paneira, dende o 27 de abril ata o 20 de maio.

As actividades de carácter formativo levaranse a cabo, como en anos anteriores, na sala de exposicións A Fábrica. Varios profesionais do sector impartirán obradoiros prácticos nos que se poden descubrir as múltiples posibilidades deste material. Os días 5 e 6 realizaranse realizaranse ademais demostracións participativas como a técnica de batik, empalmillado dun zapato, tallado dunha pluma, elaboración de fibelas de coiro, fabricación e posta a punto de pequenas ferramentas, usos e utilizacións de tintura e texturizacións do coiro con materiais caseiros.

A Fundación Vicente Risco tamén se suma a estas xornadas acollendo a exposición “Retrato Urbano” do artista plástico José Bernardo Sappia (México), e o autor portugués Franklin Pereira presentará o seu libro “De Córdoba a Portugal”, un estudio sobre o comercio de guadacemiles no século XVI. Ana Calda mostrará o catálogo “Pele com Pele, transfiguraçao e transcendencia”, unha relación de pezas inspiradas na época medieval. E o 6 de maio Nelson Gómez, artista colombiano, impartirá unha charla sobre a súa experiencia persoal no traballo do coiro.