O Concello de Allariz daba onte por comezada a tempada de venda de carne de boi de Allariz. A partir do sábado 22 de xullo o Mercado da Reserva da Biosfera contará cun posto de venda de carne de boi de Allariz e tamén se poderá degustar en varios establecementos hostaleiros da vila en forma de chuletóns, solombo, hamburguesas ou xarrete, entre outros.

O obxectivo da campaña 2017 pasa pola comercialización de entre 7 e 10 bois cun peso medio de 450 quilos en canal. “Contamos con chegar a comercializar uns 4.000 quilos de carne de boi de Allariz”, sinalaba Bernardo Varela, concelleiro de medio ambiente.

O alcalde, Francisco García, destacou que este proxecto “está encamiñado á comercialización da carne de boi e conseguir, así, que Allariz sexa recoñecido tamén como destino turístico gastronómico”.

O rexedor anunciaba ademais que, un ano máis, celebraranse as xornadas gastronómicas de carne de boi de Allariz que terán lugar do 29 de setembro ao 15 de outubro e, segundo o alcalde, “para as que se reservan seis exemplares que poderán pesar en canal ata 500 quilos”.