O Concello de Allariz entregará o vindeiro sábado 12 de agosto o I premio “Allariz, Vila de Vida”. O acto terá lugar no salón de actos do Fogar dos Maiores ás 20:00h.

O premio honorífico Vila de Vida, que terá unha periodicidade bienal, ten por obxecto o recoñecemento e posta en valor de persoas, asociacións, colectivos, iniciativas, empresas, entidades públicas e/ ou privadas polos seus traballos de desenvolvemento económico, cultural e social de Allariz.

O pasado 31 de xullo a xunta de portavoces decidía, por unanimidade, conceder este premio honorífico á Asociación Xan de Arzúa en recoñecemento ao seu traballo altruísta prol da Festa do Boi, transmitindo ao longo destes anos os valores da Festa e sendo, ademais, unha iniciativa relevante no impulso económico e social do Concello de Allariz. Tamén polo seu traballo na recuperación da Festa do Boi e pola súa labor social, chegando a integrar a xente de diferentes idades; pola súa responsabilidade e compromiso en velar porque se conserve e se transmita de xeración en xeración os valores da festa e sobre todo a tradición da nosa cultura popular.

A entrega do premio terá lugar o 12 de agosto ás 20,00h no Fogar dos Maiores. No transcurso do acto, o alcalde de Allariz fará entrega á Asociación Cultural Xan de Arzúa dunha figura de bronce, un minotauro de pé, do escultor Fernando Barreira.