O Concello de Allariz, xunto coa Universidade de Vigo,  vén de presentar a Europa, nun informe presentado no libro ‘Solid Waste Management in Rural Areas’, coordinado polo doutor Florin Constantin Mihai, da Universidade Alexandru Ioan Cuza de Romanía, e publicado pola editorial de acceso aberto InTech, os resultados exitosos do programa pioneiro de reciclaxe de lixo e separación de materia orgánica que pasou pola dotación da loxística necesaria co reparto de máis de 130 compostoiros individuais entre os veciños e veciñas que se sumaron aos máis de 100 xa existentes, ademais da creación da rede de compostoiros comunitarios con 24 illas de compostaxe ubicadas en zona urbana. O proxecto inclúe unha máquina de tratamento de materia orgánica, no parque empresarial de Chorente, ao que vai parar a recollida porta a porta de materia orgánica de grandes produtores como hostaleiros e comerciantes.

A veciñanza acolleu de xeito moi positivo este proxecto a través das campañas realizadas porta a porta. E así o demostran os datos conseguidos.  No que vai de ano o Concello de Allariz conseguiu un incremento na reciclaxe das fraccións de vidro e plásticos nunha media dun 8 %. O contedor amarelo recolleu máis de 6.780 kilogramos que o ano pasado  (en torno ao 9% con respecto ao mesmo tramo de 2016) e o de vidro uns 8.400 kilos máis, o que supón un aumento de 7%.

O obxectivo do Concello aínda está por conquerir. A idea é chegar a reducir ata nun 80% os residuos enviados a SOGAMA.

Nova campaña de sensibilización porta a porta.

Coa colaboración da Asociación para a Defensa Ecolóxica o Concello de Allariz valorará o grao de aceptación do programa Re cunha nova campaña, porta a porta, de concienciación e sensibilización social.  Ademais realizaranse  150 enquisas entre os veciños e veciñas aos que se lles pedirá as súas suxestións.