O Concello de Allariz levará a cabo, durante os meses de abril e maio, a rehabilitación da Praza do Matadoiro. Trátase dun espazo singular a carón do río Arnoia que na época medieval foi paso obrigado para acceder ao Casco Histórico. É na actualidade unha praza aberta que comunica co Casco Histórico a través da rúa San Lourenzo e o Balcón de Amoeiro.

Ano tras ano o Concello de Allariz realiza actuacións nas súas infraestruturas e servizos básicos co obxectivo de mellorar as condicións de vida das persoas residentes, tanto nas áreas rurais como na trama urbana de núcleo de Allariz.

Con esta actuación, que conta cun orzamento de 68.409,78€, preténdese mellorar, ordenar, humanizar e reurbanizar a Praza do Matadoiro para integrala no Casco Histórico como un dos espazos máis visitados e utilizados pola cidadanía, onde se ubica, actualmente, o Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz.

As obras pasan pola eliminación do actual pavimento e a súa substitución por lousa de pedra do país, máis acorde cos materiais típicos dos núcleos históricos, así como tamén serán eliminados os contedores actuais. Con elo daráselle á Praza un carácter peonil e conséguese mellorar a ordenación do espazo existente para dedicalo a eventos promocionais e feiras.

Esta intervención cumprirá, así, un dobre obxectivo: a rehabilitación urbanística e o favorecemento da dinamización económica do casco histórico.