Os veciños e veciñas de Allariz terán a oportunidade de adentrarse no fascinante mundo das abellas esta primavera. A fin de semana do 6 e 7 de maio a Asociación Galega de Apicultura celebrará un curso básico de apicultura para que as persoas interesadas poidan adquirir os coñecementos básicos para desenvolver unha actividade apícola que reporta numerosos beneficios, dende a colleita dos seus valiosos produtos ata a mellora na produción da horta, pasando polo pracer de dedicarse a unha actividade en contacto coa natureza e que contribúe ademais ó coidado do medio ambiente.

O programa do curso, de 12 horas de duración, inclúe unha parte teórica na que se explicarán os principais aspectos para coñecer as abellas e como coidalas, e unha parte práctica, na que os participantes visitarán un colmear e aprenderán como realizar o manexo das colmeas e as tarefas apícolas necesarias para a colleita dos seus produtos.

O curso ten un custe de 50 € e para os socios e socias de AGA é gratuíto. Tamén hai a posibilidade de asociarse a AGA, co pago dunha cota anual de 50 €, e ademais de poder participar no curso de balde pódese recibir un asesoramento técnico durante todo o ano, xunto co resto de servizos que ofrece a asociación. Coa inscrición no curso vai incluída a publicación de AGA “Curso de apicultura”, un manual práctico sobre apicultura que inclúe a información principal explicada durante o curso. Para anotarse poñerse en contacto coa asociación no  teléfono 981 508 142 ou no email info@apiculturagalega.es.