O Festival Internacional de Xardíns de Allariz está preparando xa a súa próxima edición. O prazo de presentación das novas propostas estará aberto ata o 30 de novembro. O erotismo no xardín será o tema principal sobre o que deberán xirar as propostas dos deseñadores que concursarán o vindeiro ano 2018.

O xardín sempre foi un lugar especialmente propicio para o romance e a paixón,frecuentado en séculos pasados pola nobreza e as clases altas para os seus encontros amorosos.

Dende a antigüidade o xardín estivo vinculado aos conceptos do amor, ao erotismo e ás paixóns desatadas entre deuses e humanos. Na época barroca os xardíns imprégnanse de sensualidade e convértense en espazos para o xogo, o coqueteo, os paseos e o pracer. Os labirintos dos xardíns adquiren, co paso das décadas, unha carga sexual cada vez máis evidente, chegando a vincularse ao erotismo e ao xogo sexual no Século das Luces. Isto motivou as protestas dos clérigos, que conseguiron pechar labirintos como o dos xardíns de Versalles, segundo a súa denuncia, “polas actividades pouco decorosas que as parellas practicaban no seu interior”.

Xardíns con labirintos, fontes, terrados, aromas florais evocadores que os converten en lugares idóneos para a sedución.Xardíns que convidan  á intimidade, á confidencia, a perderse, a cumprir fantasías, á sensualidade,  ao cortexo, á busca do encontro entre amantes…

O cine, a literatura e o teatro non escapan da atracción de recrear historias de amor, paixón, sensualidade e erotismo, co xardín como escenario.

Entre todas as propostas recibidas, un xurado de expertos no que  están representadas as organizacións máis importantes do paisaxismo: asociacións, profesionais, deseñadores, artistas e o sector comercial, elixirá 10 proxectos de xardíns que serán executadas e exhibidas como finalistas na edición 2018. Estes 10 xardíns competirán polo voto dos visitantes, máis de 40.000 persoas que cada ano se achegan ao Festival interesados no aumento da calidade dos proxectos que se mostran.

O concurso está aberto a todos os que desexen participar e as súas bases están dispoñibles na páxina web: www.allariz.gal/festival