Actuacións de rúa ademais de mercados, actividades para nenos e visitas guiadas ao Rexo e os Castros de Armea e San Salvador centran a Semana Santa ao Vivo en Allariz.

A Semana Santa en Allariz, que agarda unha alta ocupación, desenvolverase de xoves a domingo. Nestes días, como é habitual na programación haberá música ambiental nas rúas do casco histórico, protagonizada, nesta edición, polos grupos galegos Canela Cafuné, Soul&Roll, Catro Pés, La dama de gris, Loro, Pardedous, Miguel Grande e Ad Heyra Liti. E este ano como novidade, incorpóranse novas disciplinas artísticas: danza contemporánea coa Compañía Mikel Aristegui e maxia cos Magos do Ribeiro.

O patio do Museo do Coiro acollerá o Mercado de Artesanía no que participan artesáns de Allariz que traballan o coiro, cerámica, pintura, madeira, xoiería ou téxtil, entre outros; o Mercado da Reserva da Biosfera abrirá o sábado e os visitantes poderán degustar pratos elaborados na sesión de cociña en vivo e un ano máis, o Mercadiño do libro vello, no que se exporán e venderán libros e discos de segunda man.

Os nenos e nenas terán unha programación específica, de xoves a sábado, coa instalación na Paneira, dunha ludoteca con xogos populares e tradicionais.

Ademais haberá visitas no Centro de educación Ambiental o Rexo, visitas guiadas polo Castro de Armea e San Salvador e os museos municipais ampliarán o horario para atender a demanda nestes días.