A campaña arqueolóxica en Armea pechaba, a pasada semana, a súa sétima edición con novos descubrimentos na antiga “Cibdá de Armea”.

Durante o mes de  xullo a Universidade de Vigo desenvolveu esta campaña arqueolóxica, froito do convenio co Concello de Allariz. O arqueólogo Adolfo Fernández explicaba que “as últimas escavacións permitiron deixar ao descuberto unha nova domus cun gran patio enlousado e un pórtico con columnas das que se conservan tres bases”.  Ademais confirmaba o descubrimento de varias estancias da casa e un canal de desaugue.  Atopáronse, tamén,  importantes cantidades de material arqueolóxico que sinalan que esta zona estaba dedicada, posiblemente,  á produción de utensilios de metal e vidro.

Arqueólogos, estudiantes en prácticas ademais de operarios municipais levaron a cabo a campaña que permitiu datar o lugar de culto das “Pioucas da Santa” na época romana. Tamén, unha cata arqueolóxica descubriu  a muralla nun recinto previo á ocupación romana da Atalaia.  O ano que vén seguirase traballando nesta zona, ubicada na leira cedida por un veciño, para coñecer algo máis. Ao remate do verán levaranse a cabo en Armea os traballos de consolidación na Atalaia e no laboratorio a restauración dos materiais atopados.

O Concello de Allariz continuará a súa labor en Armea co empeño de afianzar a gran potencialidade e singularidade do xacemento. Editarase material divulgativo e renovarase a sinalización co obxectivo de contribuír a unha mellor interpretación do espazo e conservalo.