A través dun proxecto municipal, a zona do Fuxón, nun espazo que serviu de escombreira na construción da urbanización, acolle un novo horto urbano destinado ao autoconsumo de quince familias.

A leira, de 3.000 metros cadrados, acondicionouse para contar con 12 parcelas independentes para o cultivo de froitas e hortalizas, e outras para plantar árbores froiteiras e outros arbustos.

Na parcela comezan a crecer as primeiras leitugas, tomates, pementos e chícharos, entre outros produtos. Na zona das froiteiras crecerán, o ano que vén, cereixas, peras e figos.

Na actualidade existen, no concello, outros dous espazos municipais destinados a hortos urbanos na Casa Lomberte e na Rúa Alarico,  que suman 30 parcelas de horta e 12 para arbustos.