O Concello de Allariz pon en marcha unha nova campaña de información porta a porta coa finalidade de conseguir un incremento na taxa de reciclaxe

Técnicas da Asociación ADEGA visitarán, de novo, aos veciños de Allariz para reforzar a separación do lixo, incidindo na reutilización da materia orgánica así como na importancia de separar o aceita doméstico usado para o que entregarán un funil para facilitar a súa reciclaxe.

Esta campaña conta co financiamento do programa PIMA do Ministerio de Medio Ambiente a través dunha axuda que ascende a 52.000€ que tamén permitiu a compra dun camión que se encargará da recollida porta a porta da materia orgánica aos locais de hostalería.

O Programa RE iniciábase hai tres anos como unha grande aposta municipal co obxectivo de separar e reutilizar a materia orgánica. Hoxe están participando o 40% dos alaricanos aínda que se agarda conseguir chegar ao 90%.