A rede museística de Allariz, composta polo Museo Galego do Xoguete, Museo da Moda de Allariz e Museo do Coiro, permanecerá pechada para realizar labores de mantemento e reabrirá o vindeiro 26 de febreiro cunha estética renovada e unha oferta de actividades culturais e formativas para todos os públicos.

Esta mañá, o concelleiro Alberto Conde, responsable dos museos, facía balance referente ao número de visitas aos museos. No ano 2015 preto de 16.000 persoas visitaron as instalacións, o que supón unha mellora cuantitativa, con respecto ao ano 2014, de máis de 2.500 visitas. Nas palabras do concelleiro “durante o ano pasado os museos conseguiron ser un importante atractivo para os turistas e veciños de Allariz, sendo o máis elixido o Museo Galego do Xoguete”.

Dende o pasado 11 de xaneiro e ata o 26 de febreiro os museos están pechados para realizar labores de mantemento e mellora. Alberto Conde explicaba que o seu obxectivo pasa por “traballar para continuar cunha tendencia ascendente nas visitas aos museos, facendo destes espazos vivos e atractivos”. Así, o equipo responsable dos museos traballará para, ademais de mellorar os espazos expositivos,  ofrecer ao visitante exposicións temporais e unha programación chea de actividades culturais e formativas que dean vida aos museos.