Os xardíns da memoria poderán ser visitados ata o 29 de outubro. Son doce propostas das cales oito concursan polo voto do público visitante. Outra parcela está deseñada polos nenos e nenas do colexio Padre Feijóo de Allariz e a última polo xardín máis votado do ano anterior. Foron deseñadas por arquitectos e paisaxistas de Galicia, Brasil, Austria, Polonia, México, República Checa, España ou Italia.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz segue batendo récords de visitas edición tras edición. O recinto, que este ano, ofrece doce propostas paisaxísticas que xiran en torno á memoria, recibiu ao redor de 30.000 visitas ata o 31 de agosto. “Este mes de agosto foi o máis concorrido das oito edicións celebradas ata a data”, explicaba o concelleiro de medio ambiente, Bernardo Varela.