O pleno da corporación municipal reunirase o venres, 30 de xuño ás 20:00h, para celebrar sesión ordinaria correspondente ao mes de xuño.

A orde do día contempla, entre outros, a proposta da alcaldía para incoar un expediente de declaración de Allariz como “zona de grande afluencia turística” así como a convocatoria dunha licitación para allear, mediante poxa, dúas parcelas do Parque empresarial de Chorente.

Ademais presentaranse varias mocións por parte dos grupos nacionalista e socialista. Unha delas do BNG sobre o sistema de concerto para financiar os servizos públicos básicos en Galicia e, pola súa parte, o PsdeG-PSOE sobre o déficit das prazas na escola infantil de Allariz, sobre a mellora da sinalizacións dos establecementos comerciais e hostaleiros do caso histórico de Allariz, sobre a mobilidade sustentable na localidade alaricana e, por último, sobre o restablecemento do servizo de cirurxía pediátrica no complexo hospitalario universitario de Ourense por parte da Xunta de Galicia.

Para rematar haberá quenda de rogos e preguntas.