O local social da Asociación Puzzle en Allariz acolleu a entrega por parte de Primagas da recadación conseguida na recente “Festa Primagas”, celebrada como presentación pública desta empresa en Ourense.

Primagas é unha firma que ofrece solucións enerxéticas eficientes e limpas en zonas non urbanas e que está en fase de expansión en Galicia. Este donativo responde a un dos principais valores da compañía, o compromiso coas comunidades nas que traballa.

No acto de entrega tomaron parte Ánxeles Rodríguez, de Puzzle, e Antonio Riobó, por parte de Primagas.

A Festa Primagas, celebrada na Barreira o domingo 9 de outubro, era de acceso libre, pero contaba con polbeiro e filloeiros que repartiron racións a prezos populares. Todo o conseguido servirá para colaborar nas actividades da Asociación Puzzle, entidade que loita contra a exclusión social e laboral das persoas con discapacidade.

Máis de 1.000 persoas achegáronse o domingo 9 de outubro á Festa Primagas, que contou con inchables para os cativos, xogos populares, música de animación e a actuación dos Tristes, o dúo formado polos humoristas Marcos Pereiro e Federico Pérez.