A Reserva da Biosfera Área de Allariz participa xunto coas Reservas do Alto Bernesga, en León, e Somiedo, en Asturias, no proxecto estatal “Bio-Models” para a análise de modelos de xestión sostible que poderían utilizarse na loita contra o cambio climático.

A Agrupación para o Desenvolvemento Sostible e a Promoción do Emprego (Adesper), co apoio da Fundación Biodiversidade, promove esta iniciativa que consiste na recollida de exemplos de boas prácticas en torno ao cambio climático que se están a desenvolver nas diferentes reservas das biosfera, para que estas podan ser implantadas noutros territorios.

O papel das tres reservas participantes consiste na emisión de datos sobre a actividade desenvolvida no territorio. No caso de Allariz “dende como se xestiona o medio ata a existencia dunha planta de biomasa, pasando pola xestión dos terreos de montes veciñais que se poñen en valor con vacún autóctono ou o desenvolvemento dun proxecto de horta ecolóxica con tracción animal, a actividade do mercado semanal da Reserva da Biosfera ou o proxecto do Rexo” destaca Bernardo Varela, concelleiro de medio ambiente e xestor da reserva alaricana.

Traballarase durante doce meses, na recompilación de datos e coñecemento das experiencias, Técnicos e científicos traballarán na adaptación de marcos teóricos ás condicións locais, os modelos de xestión sostible da auga e a biodiversidade, dos sistemas florais e dos sistemas agrarios, así como a construción de escenarios futuros fronte ao cambio climático.