Concilia Verán

PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES: DO 18 AO 29 DE MAIO

SERVIZO COMPLEMENTARIO DE CONCILIACIÓN CONCILIA VERÁN 2026

1. Obxecto.

Concilia Verán é unha iniciativa educativa, lúdica e de atención á infancia promovida polo Concello de Allariz, destinada a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral durante o período estival. Este programa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto, ofrecendo ás familias un recurso de calidade para os seus fillos e fillas ao longo das vacacións de verán.

O principal obxectivo desta proposta é favorecer o goce do tempo de lecer das persoas participantes nun ambiente seguro, inclusivo e enriquecedor, no que as actividades programadas contribúan ao desenvolvemento persoal e social da infancia, promovendo experiencias positivas fóra do seu entorno habitual.

A través dunha metodoloxía participativa e adaptada ás diferentes idades, fomentaranse valores como a convivencia, a cooperación, a igualdade, o respecto e a inclusión, potenciando ao mesmo tempo habilidades sociais, creativas e educativas nun contexto lúdico e dinámico.

2. Persoas beneficiarias.

Poderán ser beneficiarias deste servizo as familias con nenos e nenas escolarizados/as entre 4º de Educación Infantil e 6º de Educación Primaria, con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Será requisito indispensable que as persoas proxenitoras, titoras ou responsables legais se atopen en situación de ocupación laboral durante as quendas solicitadas e non estean gozando do seu período vacacional nesas datas.

3. Requisitos das persoas solicitantes.

Para poder acceder ao servizo deberán cumprirse os seguintes requisitos:

  • Que o/a menor e, cando menos, unha das persoas proxenitoras, titoras ou responsables legais estean empadroados/as no Concello de Allariz.

  • Que as persoas proxenitoras, titoras ou responsables legais estean realizando unha actividade laboral ou profesional remunerada, ou ben cursando estudos, debendo xustificar documentalmente a imposibilidade de atender aos seus fillos e fillas no horario establecido para a prestación do servizo.

  • Que as persoas proxenitoras, titoras ou responsables legais que se atopen en situación de baixa por enfermidade, maternidade ou paternidade xustifiquen documentalmente a imposibilidade de atender aos seus fillos e fillas no horario establecido para a prestación do servizo, mediante a correspondente acreditación médica da situación que dá lugar á necesidade de coidado.

  • Que o/a menor se atope en situación de vulnerabilidade social, circunstancia que deberá quedar acreditada mediante informe previo emitido polos Servizos Sociais do Concello de Allariz.

4. Número de prazas e quendas

4.1. O programa contará cun total de 80 prazas durante o mes de xullo e 50 prazas durante o mes de agosto.

4.2. O servizo organizarase nas seguintes quendas:

  • 1ª quincena de xullo: do 1 ao 15 de xullo.

  • 2ª quincena de xullo: do 16 ao 31 de xullo.

  • 1ª quincena de agosto: do 1 ao 15 de agosto.

  • 2ª quincena de agosto: do 16 ao 30 de agosto.

4.3. Cada solicitante poderá participar nun máximo de tres quendas. En todo caso, deberá garantirse un período mínimo de descanso de quince días consecutivos para todos os e as menores participantes.

5. Solicitude.

A solicitude para acceder ao servizo formalizarase mediante os correspondentes formularios normalizados. Os devanditos documentos estarán dispoñibles en formato papel nas dependencias dos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Allariz, así como en formato dixital na páxina web municipal: www.allariz.gal/areas-municipais/benestar-social/

6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación da solicitude.

6.1. As persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI, NIE ou documento identificativo da persoa proxenitora, titora ou representante legal.

b) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio, ou da resolución xudicial pola que se establezan as medidas paternofiliais respecto dos fillos e fillas comúns nas unións de feito e/ou do correspondente convenio regulador, de ser o caso.

c) Certificado de familia monoparental expedido pola Dirección Xeral competente en materia de familia da Consellería correspondente, de ser o caso.

d) Copia da Declaración do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF) correspondente ao exercicio 2024 das persoas que integren a unidade familiar.

e) Certificado de retencións e ingresos a conta correspondente ao ano 2024, no suposto de non presentar declaración da renda.

f) Certificado da empresa acreditativo da situación laboral das persoas proxenitoras ou responsables legais durante os meses de xullo e agosto, no caso de traballadores/as por conta allea, no que se especifique expresamente o período de goce das vacacións.

g) Copia do certificado de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA), de ser o caso, así como os correspondentes xustificantes de pagamento das cotas de autónomos dos meses para os que se solicite o servizo.

h) Copia do título de familia numerosa expedido pola Administración competente, de ser o caso.

i) Informes ou certificados médicos acreditativos da situación de baixa por enfermidade, maternidade ou paternidade das persoas proxenitoras ou responsables legais, que xustifiquen a imposibilidade de atender aos seus fillos e fillas.

j) Comprobación de datos: o certificado de empadroamento conxunto da unidade familiar será obxecto de consulta directa por parte da Administración municipal, salvo oposición expresa das persoas interesadas nos termos legalmente establecidos.

6.2. As persoas solicitantes responsabilizaranse da veracidade da documentación presentada, reservándose o Concello de Allariz a facultade de comprobar, en calquera momento, a autenticidade dos datos achegados.

7. Lugar para a presentación das solicitudes.

De conformidade co disposto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas, as solicitudes poderán presentarse a través da sede electrónica do Concello de Allariz, mediante a correspondente Instancia Xeral: https://allariz.sedelectronica.gal, así como presencialmente nas dependencias dos Servizos Sociais Comunitarios–Fogar dos Maiores do Concello de Allariz.

8. Prazos.

8.1. O prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto desde o día 18 de maio de 2026 ás 00:00 horas ata o día 29 de maio de 2026 ás 23:59 horas, ambos os dous incluídos.

8.2. Excepcionalmente, poderán admitirse solicitudes fóra de prazo nos seguintes supostos:

  • Cando, unha vez finalizado o prazo ordinario de presentación de solicitudes, non se cubra a totalidade das prazas ofertadas, poderán admitirse novas solicitudes fóra de prazo, sempre que as persoas solicitantes cumpran os requisitos establecidos no punto 3 do presente documento.

  • Cando concorran circunstancias sociofamiliares especiais, debidamente xustificadas.

8.3. Unha vez iniciado o programa, poderán autorizarse cambios de quenda, modificacións horarias ou a prestación de servizos extraordinarios solicitados polas familias, sempre que exista dispoñibilidade e se manteñan as mesmas condicións establecidas para o cambio solicitado.

8.4. A listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas publicarase o día 4 de xuño. Co fin de garantir a protección de datos persoais, as solicitudes identificaranse unicamente mediante o correspondente número de rexistro de entrada.

8.5. A listaxe definitiva de persoas admitidas publicarase o día 12 de xuño na páxina web municipal do Concello de Allariz: www.allariz.gal/areas-municipais/benestar-social/

8.6. As persoas solicitantes que non obteñan praza pasarán a integrar unha listaxe de agarda, que será utilizada para cubrir as posibles vacantes que poidan producirse durante o desenvolvemento do programa.

9. Procedemento de concesión de prazas.

A concesión das prazas realizarase entre as solicitudes presentadas que cumpran os requisitos establecidos no punto 3 do presente documento. No suposto de que o número de solicitudes supere o número de prazas ofertadas para cada quenda, procederase á súa valoración e prelación tomando como criterio principal a capacidade económica da unidade familiar, priorizando as familias con menor renda per cápita. Non estará permitida a reserva de praza.

10. Determinación da participación no custo do servizo.

O financiamento do programa Concilia Verán realizarase mediante as achegas económicas do Concello de Allariz, as cotas satisfeitas polas persoas usuarias do servizo e a subvención correspondente ao programa SI436A – Plan Corresponsables no ámbito local, convocada pola Administración competente.

11. Pagamento.

O devengo da taxa efectuarase mediante domiciliación bancaria, unha vez publicada a listaxe definitiva de persoas admitidas no programa. O período de cobramento realizarase entre os días 17 e 23 de xuño de 2026. Os recibos emitiranse con carácter anticipado e poderán ter carácter mensual ou quincenal, en función do tempo de asistencia ao servizo:

  • Nos supostos de asistencia dunha ou de dúas semanas, aboarase a correspondente cota quincenal. Para os efectos do cálculo da modalidade quincenal, computaranse exclusivamente as semanas correspondentes ao mesmo mes natural.

  • Nos supostos de asistencia superior a dúas semanas dentro do mesmo mes natural, aboarase a cota mensual completa.

12. Revogación do servizo.

Perderase a condición de persoa beneficiaria do servizo cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Falta de pagamento das taxas correspondentes ao servizo nos prazos establecidos. b) Renuncia expresa ao servizo por parte da persoa beneficiaria ou das persoas proxenitoras, titoras ou representantes legais, comunicada por escrito ao Concello de Allariz. c) Incumprimento grave ou reiterado das normas de funcionamento e convivencia establecidas para o desenvolvemento do programa.

13. Organiza.

O servizo de conciliación Concilia Verán estará organizado e xestionado polo Concello de Allariz. Concellería de Benestar Social. Teléfono de información: 988 55 40 59.

14. Información adicional.

O horario xeral do programa Concilia Verán será de 8:00 h a 15:00 h. O horario de entrada das persoas usuarias do servizo “Almorzo” poderá realizarse segundo as necesidades de conciliación das familias, dentro da franxa horaria comprendida entre as 8:00 h e as 9:00 h.

Para o resto das persoas participantes, a hora máxima de incorporación ao servizo será ás 9:00 h, agás en casos excepcionais debidamente xustificados e previamente comunicados á organización. Co fin de garantir o correcto desenvolvemento das actividades programadas, as saídas das persoas participantes realizaranse a partir das 14:00 h. As persoas usuarias do servizo de comedor deberán ser recollidas antes das 15:00 horas.

A utilización do servizo de conciliación implicará a aceptación expresa do presente documento. No suposto de que, no marco do programa Concilia Verán, se realice algunha excursión ou saída no ámbito territorial do Concello de Allariz, as familias participantes serán informadas previamente con suficiente antelación, facilitándoselles toda a información relativa á organización, horarios e desenvolvemento da actividade.

O Concello de Allariz resérvase o dereito de introducir as modificacións organizativas que considere necesarias para garantir o correcto funcionamento e desenvolvemento do programa.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.