Allariz abre as portas da XVI edición do seu Festival Internacional de Xardíns baixo o lema da “Liberdade”

  • O certame consolida a súa proxección exterior con proxectos chegados de catro continentes e un total de 56 propostas presentadas.

  • A alcaldesa, Cristina Cid, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, encabezaron o acto de inauguración que contou con música en directo e intervencións artísticas.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) inaugurou esta tarde a súa décimo sexta edición, transformando o seu recinto nun espazo de reflexión arredor da «Liberdade». Este concepto serviu de fío condutor para que paisaxistas de todo o mundo proxectasen a súa creatividade en espazos que convidan a romper barreiras e conectar coa natureza.

O acto, conducido pola xornalista alaricana Raquel Rosa, iniciouse coas notas do violinista alaricano Daniel López, quen puxo a banda sonora á benvida institucional. Durante a apertura, Raquel convidou ao público a reflexionar sobre un concepto tan necesario como o da liberdade, que nesta edición funciona como un lenzo en branco para profesionais do deseño de todo o planeta.

No transcurso do evento, lembrouse a excelencia da edición pasada, destacando o traballo de Claudia Carolina Avila con ‘El Jardín de Rocallas’ (Premio do Xurado Técnico) e do equipo formado por Mónica Alonso, Lucía González e Isabel Gutiérrez con ‘¡Se chove, que chova!’ (Premio do Público).

Un referente internacional único no Estado

A proxección do municipio como epicentro do paisaxismo quedou patente no éxito de convocatoria desta edición, na que se recibiron 56 proxectos. É salientable que o FIXA se consolida como o único festival destas características en todo o Estado, título que na Península Ibérica comparte unicamente coa localidade de Ponte de Lima, en Portugal.

Finalmente, foron nove as propostas seleccionadas que a partir de hoxe poden visitarse no recinto. Estas creacións estarán acompañadas polas dúas propostas gañadoras do 2025 e polo xardín dedicado aos centros educativos de Allariz, que pon en valor a implicación da comunidade escolar no certame. A diversidade cultural é a nota dominante deste ano, con participación de profesionais procedentes de Sudáfrica, Países Baixos, Colombia, Chile, México, Austria, Italia e Portugal, ademais de representación de diversos puntos do Estado como Murcia, Barcelona, Madrid ou A Coruña.

Entrega de diplomas e apoio institucional

Un dos momentos centrais da tarde foi a entrega de diplomas ás autoras e autores dos novos deseños. A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, estivo acompañada no escenario por Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense. Cabe sinalar que a institución provincial mantén unha colaboración estable co Festival dende a súa XIII edición. Así mesmo, o acto contou con representantes do ámbito académico e profesional, como Juan Antonio Caridad (UDC), Raquel Casas (UPM) e membros da Asociación Española de Paisajistas (AEP) e de AGAEXAR.

Francisco Caldeira Cabral, paisaxista e presidente do xurado, destacou durante a súa intervención a «alma e a calidade técnica» das propostas deste ano, que logran materializar o concepto da liberdade a través da botánica e o deseño.

Experiencia sensorial

Durante a súa intervención, Cristina Cid quixo dedicar unhas palabras moi especiais ao que foi o motor do Festival: “Hoxe é un día de ledicia pero tamén de moita emoción. Francisco García está hoxe con nós en cada recuncho deste recinto que el tanto amaba». Nun dos momentos máis emotivos do acto, a alcaldesa fixo entrega aos familiares de Francisco García alí presentes dun cadro del no propio Festival Internacional de Xardíns. «A mellor homenaxe que podemos renderlle é seguir traballando coa mesma ilusión para que Allariz sexa unha ventá aberta ao mundo onde a arte e a natureza se dan a man. Este festival é un exemplo de como a sostibilidade e o deseño poden transformar o territorio, e hoxe máis que nunca, reafirmamos o compromiso de manter viva a súa pegada”, concluíu a alcaldesa.

Tras o peche institucional, o público asistente puido realizar o primeiro percorrido polos xardíns, unha visita enriquecida pola música de Daniel, as coreografías da escola de danza Bayadere e sesións de ioga a cargo do Recuncho do Silencio.

Con esta nova edición, Allariz reafirma o seu compromiso coa recuperación do espazo público e a promoción da cultura e a sostibilidade, convidando á veciñanza e visitantes a descubrir os novos «Xardíns da Liberdade».

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.