A iniciativa está dirixida a persoas maiores de 16 anos que desexen ter o seu primeiro contacto co galego.
A formación, de 20 horas de duración, impartirase entre o 1 e o 24 de setembro.
Allariz acolle este mes de setembro un Curso de Introdución á Lingua e á Cultura Galegas, organizado pola Secretaría Xeral da Lingua en colaboración co Concello no marco da Rede de Dinamización Lingüística. Trátase dunha proposta pensada para facilitar a integración sociocultural das persoas maiores de 16 anos que se achegan por primeira vez ao idioma.
A través desta actividade, procúrase fomentar o uso do galego e ofrecer ferramentas básicas de comunicación para a vida cotiá, ademais de achegar ás persoas participantes ás tradicións, historia e cultura.
Calendario e inscricións
O curso conta cunha duración total de 20 horas presenciais e desenvolverase do 1 ao 24 de setembro, con clases os martes e xoves en horario de 18:00h a 20:30h.
Malia ser unha formación de carácter autonómico, a xestión das inscricións e a atención ás persoas interesadas faise directamente dende o Concello de Allariz. Para reservar praza ou solicitar máis información, pódese enviar un correo electrónico a educacion@allariz.gal.
Ao finalizar a formación, a Secretaría Xeral da Lingua expedirá un diploma acreditativo de aproveitamento a quen supere o curso.