As inscricións xa están abertas e poden tramitarse a través da web Sportmaniacs ou da app Saudeter.
O Concello informa de que xa está en marcha a cuarta edición da proba ciclista BTT Allariz, un evento deportivo que terá lugar o domingo 4 de outubro. A presentación oficial desta nova edición contou coa asistencia de representantes dos clubs Asocial e CC Allariz, xunto co coordinador deportivo municipal, Roberto Naranjo, e o concelleiro de Deportes, Carlos Puga.
A xornada busca fomentar o deporte e o contacto coa contorna natural de Allariz, ofrecendo alternativas adaptadas ás diferentes condicións físicas das persoas participantes. A proba contará con dous trazados distintos para a bicicleta de montaña: unha ruta longa de 45 quilómetros e unha ruta curta de 25 quilómetros. A saída de ambas as distancias realizarase de xeito conxunto ás 9:30 horas desde a Alameda, a carón do Boi de Pedra.
Prazos de inscrición e cotas
A participación limitarase a un máximo de 250 persoas, sendo requisito indispensable ter cumpridos os 16 anos antes do día da proba. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o mércores 30 de setembro ás 23:59 horas e o trámite pode formalizarse a través da seguinte ligazón: https://sportmaniacs.com/es/services/inscription/iv-btt-de-allariz ou mediante a aplicación Saudeter Live.
A cota de inscrición é de 18 euros e se tramita ata o 20 de setembro; a partir desa data e ata o peche do prazo, o prezo pasará a ser de 23 euros. Desde a organización destácase que haberá un agasallo conmemorativo para as primeiras 200 persoas inscritas. Non se realizarán inscricións o propio día da proba nin se contemplan devolucións.
Recollida de dorsais
Para facilitar a loxística do evento, habilitáronse dúas quendas para a entrega de dorsais:
O sábado, 3 de outubro: na Piscina Municipal (Complexo Vilanova), en horario de 9:00 a 13:00 horas.
O propio domingo, 4 de outubro: na zona de saída (Alameda), desde as 8:00 ata as 9:00 horas.
Para retirar o dorsal será imprescindible presentar o DNI (ou unha fotocopia do mesmo), un documento acreditativo de identidade ou o xustificante de inscrición. Lémbrase tamén que non se contemplan devolucións unha vez confirmada a praza.
Esta cita deportiva, organizada polo Concello xunto cos clubs Asocial e CC Allariz, conta coa colaboración da Deputación de Ourense, Deporte Galego, Apersa e Atmósfera Sport Allariz, ademais do apoio indispensable da agrupación de Protección Civil.