Allariz celebra o Día de Rosalía cun amplo programa de actividades culturais, educativas e gastronómicas

O Concello de Allariz celebrará o Día de Rosalía do 20 ao 25 de febreiro de 2026 cun completo programa de actividades, co obxectivo de render homenaxe á figura e á obra de Rosalía de Castro.

Na mañá de hoxe, a Alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, xunto cos concelleiros/as de Cultura, Promoción Económica e Educación, Alberto Conde, María López e Maribel Poisa, presentaron oficialmente as actividades previstas para esta conmemoración.

Desde hai tres anos, o Concello é mecenas da Fundación Rosalía de Castro, colaborando activamente na conservación e difusión do seu legado. Esta colaboración reflíctese nunha programación variada que inclúe exposicións que permitirán achegarse á vida e obra de Rosalía, obradoiros para todas as idades, degustacións gastronómicas inspiradas na tradición galega, como o emblemático “Caldo de Gloria” que Rosalía describe nunha das súas obras, e diversas actividades educativas e sociais.

Actividades programadas

 

Os actos centrais terán lugar o 21 de febreiro ás 18:00 horas na Alameda, cun evento aberto ao público que incluirá a lectura de poemas de Rosalía e a presentación de “O Xardín de Rosalía”. Esta exposición estará composta por varios poemas enviados por diferentes axentes sociais de Allariz que quixeron participar nesta conmemoración. Os textos colocaranse nos xardíns da Alameda para que a veciñanza e as persoas interesadas poidan achegarse á obra desta destacada escritora galega durante varios días.

O acto completarase cun poema musicalizado, interpretado por un quinteto da Banda de Música Unión Musical de Allariz, achegando unha dimensión musical á celebración.

O 23 e o 25 de febreiro, coincidindo coa semana de conmemoración, a programación continuará cunha actividade dirixida ao público escolar. Ás 11:30 horas na Casa da Cultura, celebrarase o obradoiro “Poemas e flores para Rosalía”, unha proposta creativa que busca achegar a figura da escritora ás novas xeracións.

Caldo de Gloria: tradición gastronómica

 

A Área de Promoción Económica, en colaboración coa hostalería local, celebrará o Día de Rosalía co tradicional Caldo de Gloria, inspirado no poema “Miña casiña, meu lar”.

Do 20 ao 22 de febreiro, once establecementos de Allariz ofrecerán este prato, dispoñible como tapa ou incluído no menú da fin de semana, identificados cun vinilo coa frase: “Aquí hai Caldo de Gloria”. Todas as persoas que degusten o Caldo de Gloria nos establecementos participantes poderán participar no sorteo dunha fin de semana en Padrón para visitar a Casa de Rosalía, escaneando un código QR, cubrindo un formulario e achegando unha foto dunha papeleta entregada no local (consultar bases de participación).

Ademais, o Mercado da Reserva ofrecerá unha degustación de Caldo de Gloria o sábado 21 de febreiro, de man de Moixo, durante o horario de apertura do mercado. O CEIP Padre Feijoo incluirá no seu menú escolar do luns 23 de febreiro o Caldo de Gloria, e os alumnos recibirán manteis individuais de papel co poema de Rosalía, ao igual que a hostalería participante, grazas á colaboración da Fundación Rosalía de Castro.

Participación e compromiso coa cultura galega

 

Con esta programación, Allariz reafirma o seu compromiso coa promoción da cultura galega e coa difusión da obra dunha das figuras máis relevantes da nosa literatura, convidando á veciñanza e visitantes a participar nesta celebración colectiva que combina cultura, educación e gastronomía.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.