Allariz convértese na capital do libro coa nova edición do Festival Literario FLAZ, que reflexionará sobre a verdade e a ficción

  • O Concello de Allariz e a libraría Aira das Letras organizan esta cita cultural que foi presentada hoxe pola alcaldesa, Cristina Cid, a concelleira María López e César Lorenzo.

O Concello de Allariz e a libraría Aira das Letras unen de novo as súas forzas para presentar unha nova edición do Festival Literario de Allariz (FLAZ). Os detalles da programación foron dados a coñecer hoxe pola mañá nun acto no que participaron a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, a concelleira de Promoción Económica, María López, e César Lorenzo, en representación de Aira Editorial.

A cita, que se celebrará os días 3, 4 e 5 de xullo, consolídase como un espazo de referencia para o diálogo e a reflexión cultural no verán galego, reunindo a creadores, profesionais do sector e á comunidade lectora ao redor dos desafíos contemporáneos do libro.

Nesta edición, o FLAZ centrará o seu foco en cuestións de plena actualidade como os límites entre a verdade e a ficción, as novas olladas e inquedanzas na literatura actual e as transformacións na difusión de obras a través das redes sociais. Para abordar estes temas, o municipio contará coa participación de José Ignacio Carnero, Koldo Concejo, Tensi Gesteira, Juan Gómez-Bárcena, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez.

Un programa para o diálogo e o debate

As actividades comezarán o venres 3 de xullo, ás 19:30 h, coa conversa titulada «O peso da verdade na ficción e viceversa», na que José Ignacio Carnero e Juan Gómez-Bárcena debaterán sobre as complexas relacións entre a historia, a memoria e a invención literaria.

O sábado 4 de xullo a programación diversifícase. Pola mañá, ás 12:30 h, Lucía Solla Sobral e Antía Yáñez protagonizarán o encontro «Novas olladas, inquedanzas e temas na literatura actual», onde analizarán as perspectivas e as temáticas que moven ás novas xeracións de escritoras. Pola tarde, ás 17:30 h, será a quenda de Koldo Concejo e Tensi Gesteira, quen falarán sobre «A difusión da literatura nas redes: Novas linguaxes e novos obxectivos», compartindo a súa ampla experiencia sobre os novos formatos comunicativos e o papel das plataformas dixitais na promoção da leitura.

A xornada do sábado pecharase ás 19:30 h cunha mesa redonda que reunirá a todas as persoas convidadas nesta edición baixo o título «Escribir para un, escribir para os demais», un debate sobre a pulsión creativa en relación coas expectativas do público.

Espazo para o tecido editorial e a memoria

Máis alá das mesas de debate, o libro tomará a rúa coa celebración da Feira de Editoras na praza do Matadoiro, que estará aberta o sábado (de 16:00 a 21:00 h) e o domingo (de 11:00 a 21:00 h). Este mercado convértese nun punto de encontro directo entre o público e o tecido editorial galego.

Ademais, o domingo 5 de xullo, entre as 12:00 e as 21:00 h, desenvolverase unha lectura continuada de obras de Rafael Dieste, un acto aberto á participación de toda a veciñanza co que se lembrará o 45.º cabodano do autor de Rianxo.

Desde a súa fundación no ano 2022, o FLAZ persegue o obxectivo de de consolidar Allariz como un dos epicentros literarios de Galicia, apostando pola sostibilidade cultural e por un espazo aberto que pon en valor toda a cadea do libro, desde a creación e a tradución ata a edición e, por suposto, o hábito lector.



Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.