Allariz convida a descubrir o seu patrimonio a través dos Roteiros Temáticos 2026

O Concello de Allariz presenta unha nova edición dos seus Roteiros Temáticos, unha proposta que permitirá á veciñanza e ao turismo achegarse ao patrimonio histórico, cultural e natural do municipio a través de experiencias guiadas que se desenvolverán entre os meses de xuño e decembro.

Esta programación, deseñada e executada por Xeitura S. Coop., inclúe rutas, visitas e obradoiros familiares que buscan ofrecer unha visión diferente de Allariz, afondando na súa historia, na súa riqueza arqueolóxica, na súa relación co río Arnoia e no seu importante legado cultural.

As actividades desenvolveranse, na súa maioría, os terceiros sábados de cada mes, cun número limitado de prazas para garantir a calidade da experiencia e favorecer unha relación máis próxima co patrimonio e cos espazos visitados.

O programa arrincará o 20 de xuño cunha visita á Cibdá de Armea, un dos xacementos arqueolóxicos máis relevantes de Galicia. Ao longo dos meses seguintes, o público participante poderá descubrir os muíños e curtidorías, percorrer as rúas do centro histórico medieval, coñecer a historia do Castelo de Allariz ou participar nunha singular visita fotográfica a través de imaxes históricas da localidade.

A programación completarase con dous obradoiros de arqueoloxía en familia, pensados para achegar o patrimonio á infancia dun xeito lúdico e participativo.

📅 Calendario de actividades
20 de xuño – A Cibdá de Armea

18 de xullo – Muíños e Curtidorías

8 de agosto – Allariz, Centro e Corte Románica

19 de setembro – Visita Fotográfica

17 de outubro – Obradoiro Familiar de Arqueoloxía

21 de novembro – O Castelo de Allariz

19 de decembro – Obradoiro Familiar de Arqueoloxía

Todas as actividades partirán da Oficina Municipal de Turismo e requiren inscrición previa.

Con esta iniciativa, o Concello de Allariz continúa apostando pola divulgación do patrimonio, promovendo un turismo cultural de calidade e fomentando o coñecemento e valoración dos recursos históricos e culturais do municipio.

As reservas poden realizarse a través do correo electrónico turismo@xeitura.com ou no teléfono 609 474 976.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.