O concelleiro de Deportes, Carlos Puga, e a presidenta do C.D. Allariz, María Luisa Santos, presentaron hoxe os detalles desta cita que busca reunir equipos de toda a provincia o vindeiro 24 de maio.
O campo de fútbol municipal Cid Carriega, no Seixo, foi o escenario elixido na mañá de hoxe para a presentación oficial do 1º Torneo de Fútbol Base C.D. Allariz. O acto contou coa presenza do concelleiro de Deportes e da presidenta do club alaricano, quen destacaron que esta cita nace co obxectivo de ser un referente de convivencia e deportividade.
Durante a presentación, Carlos Puga subliñou que este torneo é o reflexo do compromiso de Allariz cun modelo deportivo saudable e integrador. «Queremos que as escolas deportivas municipais, que xestiona o C.D. Allariz, sexan un espazo onde a mocidade de Allariz non só aprenda fútbol, senón que medre con valores de equipo e respecto», sinalou o concelleiro.
Pola súa banda, María Luisa Santos explicou que o torneo ten aberto o prazo de inscrición para os clubs da provincia en categorías Benxamín e Alevín. «Para o club, o máis importante é crear no Seixo un espazo de encontro para a infancia. Este torneo vai moito máis alá do marcador; queremos que sexa unha escola de valores onde a amizade e o esforzo compartido sexan as verdadeiras vitorias da xornada», detallou a presidenta. O torneo establece un límite de 15 xogadores ou xogadoras por equipo para garantir unha participación activa de todos os integrantes.
O evento desenvolverase en xornada única o domingo 24 de maio nas instalacións do Seixo, empregando catro campos de xogo simultáneos (dous de herba natural e dous de artificial) para ofrecer unha experiencia dinámica e competitiva de primeiro nivel.
A organización do CD Allariz priorizou o benestar dos deportistas con servizos gratuítos, como bebida e froita durante todo o día, zonas de sombra con carpas para combater a posible calor e a asistencia permanente de Protección Civil. Ademais do Bar do Seixo, habilitarase un posto de bebidas auxiliar a carón do campo de herba natural para maior comodidade do público e acompañantes.
A xornada completarase cun xantar de irmandade no Camping de Allariz, con menús adaptados tanto para os xogadores como para as súas familias. Ao remate, todos os equipos recibirán un agasallo como lembranza, alén dos trofeos por clasificación e as distincións individuais por categoría.
As inscricións permanecen abertas ata cubrir o cupo máximo de 12 equipos por categoría, cunha data límite fixada para o 1 de maio. Os clubs interesados poden informarse no teléfono de contacto 637 342 713.