Allariz presenta a Festa do Boi 2026 marcada pola memoria do Paco e o protagonismo da súa veciñanza

A Asociación Cultural Xan de Arzúa e o Concello de Allariz presentaron hoxe a programación oficial da Festa do Boi 2026, que terá lugar entre o 30 de maio e o 7 de xuño. Esta edición, que conta con 54 actividades ao longo de nove días, destaca pola súa profunda carga emocional ao ser a primeira tras o falecemento do Paco, figura indispensable que liderou a recuperación desta tradición en 1983.

Juan Seara, integrante da Asociación Cultural Xan de Arzúa, foi o encargado de debullar os detalles técnicos dun programa que aposta pola participación activa. Seara destacou que o cartel deste ano, obra da alaricana Jeni Domínguez, é unha homenaxe directa a Paco: «É un recoñecemento necesario a unha persoa que dedicou a súa vida a que este legado cultural se mantivera vivo e vibrante para as novas xeracións».

Como principal novidade, a organización reforza a actividade nos núcleos rurais para integrar a todo o municipio na celebración: “Este ano trasladamos a esencia da festa a Roimelo e Paicordeiro con xantares populares e música. Queremos poñer en valor o noso rural e a forma de vida que nos define, reivindicando as nosas raíces e o contacto directo coa terra que sempre nos caracterizou”.

O programa mantén os seus piares sociais: o Domingo Medieval (con máis de 800 persoas participantes que dan vida á historia local), as actividades para a infancia e unha ampla oferta de concertos de rúa e verbenas pensadas para o goce de toda a veciñanza.

Pola súa banda, a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, subliñou que esta tradición é o motor da identidade alaricana. «Nestes máis de 700 anos de historia hai fitos que marcan un antes e un despois. O ano 83 foi un deles, e este 2026 será outro por ser o primeiro ano sen Paco. El personificaba o orgullo de ser de Allariz», afirmou.A rexedora destacou como a organización soubo adaptar a tradición ao relevo xeracional de Allariz: “Temos unha poboación nova e moi activa, o que impulsou unha programación con máis espazos para a infancia e a mocidade, pero sen perder nunca esa convivencia en comunidade que nos fai únicas”.

Cristina Cid concluíu agradecendo o compromiso altruísta de todas as persoas que traballan desinteresadamente: “Este é un esforzo colectivo que se desenvolve durante todo o ano grazas á implicación voluntaria da xente de Allariz. A Festa do Boi é a nosa gran catarse colectiva”.

A conta atrás para o inicio da programación xa está en marcha: quedan 66 días para que comece a Festa do Boi de Allariz. Esta edición será un espazo máis para compartir a memoria de Paco e para que toda a veciñanza, desde a infancia ata a xente máis maior, participe nun proxecto colectivo que se mantén vivo grazas ao esforzo voluntario de quen forma parte da nosa comunidade.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.