O certame celebrará a súa nova edición do 30 de agosto ao 5 de setembro de 2026, arrancando coa proxección do Palmarés 2025.
Unha selección de 33 curtametraxes —escolleras entre un total de 213 recibidas— competirán na Sección Oficial deste ano.
O actor e humorista David Amor recibirá o premio homenaxe durante a Gala de Clausura.
A Casa da Cultura de Allariz acolleu a presentación oficial da novena edición do Festival Internacional de Curtas de Comedia (Festival RiR), unha cita xa consolidada no panorama cinematográfico galego que converterá a Allariz na capital do humor entre o 30 de agosto e o 5 de setembro.
Na rolda de prensa participaron a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid; o organizador do festival, Óscar Doviso; o director da área de Cultura e Deporte da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez; e o tenente de alcaldía e deputado provincial, Bernardo Varela.
A cultura como industria e motor económico para Allariz
A alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, destacou o orgullo do municipio por acoller nove edicións dun proxecto «que naceu de forma humilde pero cun proxecto moi claro, e que hoxe xa está implantado no territorio dun xeito do que sería moi difícil desprenderse».
A Alcaldesa fixo ademais unha profunda reflexión sobre o valor socioeconómico do certame para a vila: «Cando falamos de sectores produtivos e da economía nas administracións sempre citamos o sector primario ou a automoción, pero raramente citamos as industrias culturais. A cultura, ademais de darnos identidade e formación como persoa, é actividade económica e industria, e polo tanto ten que merecer a mesma atención que o resto dos sectores». A rexedora subliñou tamén o modelo colaborativo público-privado e o traballo en comunidade que fan posible o festival, convidando a veciñanza e visitantes a gozar da cita en setembro.
Unha programación familiar, diversa e un xurado de renome
Pola súa banda, o organizador do certame, Óscar Doviso, detallou os contidos desta novena edición, sinalando que se mantén a esencia dos últimos anos: «Seguimos coa liña marcada nas pasadas edicións: unha programación aberta a todos os públicos e pensada para gozar en familia, con pezas que contan cunha dobre lectura para que persoas de distintas idades perciban distintos mensaxes».
Nesta edición, o certame contará cun xurado de excepción formado polas actrices e humoristas Bárbara Grandío e Raquel Nogueira, xunto co recoñecido actor José Bengoetxea, quen se encargarán de valorar as pezas a competición.
Doviso debullou a programación, lembrando que a cita arrancará o domingo 30 de agosto coa proxección das pezas gañadoras de 2025 («un acto que funciona moi ben polo boca a orella») e continuará con bloques a competición, o espectáculo infantil de Paco Nogueiras, a sesión vermú con Tonhito de Poi, o concerto de Factoría de Subsistencia e encontros con figuras como Mariano Venancio ou María Solar. A gala final acollerá a entrega do Premio RiR Contigo ao cómico David Amor.
Cine e imaxinación no cartaz oficial
Durante o evento desvelouse a imaxe oficial desta novena edición, asinada pola ilustradora Alba Cantalapiedra. O deseño amosa unha silueta contemplativa cuxos pensamentos se converten nunha tira de película cinematográfica que se desprega polo espazo, simbolizando o poder da imaxinación, da creatividade e do cine de comedia para conectar coas emocións.
Apoio institucional e patrocinio privado
O director de Cultura da Deputación de Ourense, Marcos Vázquez, reafirmou o apoio provincial a este «clásico do verán orensán», destacando a súa capacidade para fortalecer a identidade galega, mover emocións e «conectar o ámbito local co internacional».
O certame conta ademais co impulso fundamental do Concello de Allariz, o apoio da Deputación de Ourense e o patrocinio de Aira Editorial, cuxa alianza público-privada e colaboración conxunta fan posible a consolidación deste evento ano tras ano.