Allariz ultima os detalles da Festa da Empanada 2026, unha fin de semana para gozar da gastronomía, a cultura e o deporte

  • A alcaldesa, Cristina Cid, xunto cos concelleiros Alberto Conde e Carlos Puga, presentaron a programación dunha das citas máis agardadas do verán, que terá lugar do 21 ao 23 de agosto.

  • A cita reunirá a veciñanza e visitantes arredor da tradición gastronómica, espectáculos de rúa, concertos e probas deportivas xa consolidadas como o Triátlon e a Regata de Piragüismo.

En Allariz xa temos todo listo para celebrar unha das nosas citas do Verán. Os Xardíns do Portovello acolleron este mércores a presentación da Festa da Empanada 2026, que do 21 ao 23 de agosto ofrecerá tres días cheos de actividades para todos os públicos e idades.

Na rolda de prensa, a rexedora, Cristina Cid, subliñou o papel desta festa como un motor clave para a economía local, o turismo e a posta en valor da nosa tradición culinaria. Pola súa parte, o concelleiro de Cultura, Alberto Conde, detallou a diversidade das propostas culturais, mentres que o responsable de Deportes, Carlos Puga, destacou a importancia duns eventos deportivos que son xa un referente no calendario galego.

Cultura, deporte e bo comer para todos os públicos

A programación botará a andar o venres 21 pola mañá co Campionato de Billarda Infantil no Campo da Barreira (11:00h). Á tarde será a quenda do teatro de rúa na Alameda coa compañía Ghazafelhos e a obra Sherezade, Aladino e os Tres Beduínos (20:00h), mentres que a Banda Unión Musical de Allariz porá a nota musical á noite cun concerto de bandas sonoras ás 22:30h na mesma Alameda.

O sábado 22 achegará unha das citas deportivas máis agardadas coa disputa do XXXIV Triátlon (18:00h, na Alameda). A partir das 21:00h, os Xardíns do Museo do Coiro acollerán a Xornada Gastronómica para degustar a empanada local. A música será protagonista na noite cos concertos de Soul & Roll e Los Camachuelos (21:30h), aos que seguirá a sesión con DJ Varo Alonso a partir da medianoite.

O domingo 23 a xornada comezará ás 11:00h co pasarrúas da Banda Unión Musical e a XXXV Regata de Piragüismo – Copa Deputación no embarcadoiro da Alameda. O Campo de Vilanova concentrará boa parte do ambiente festivo durante o día coa tradicional Festa Campestre (con churrasco e polbo, e entrada libre), o desfile de Xigantes e Cabezudos xunto ao grupo De Pé Feito (12:00h), a actuación da Banda Unión Musical (13:00h) e o concerto de Lorelia ás 19:30h.

Ademais, no eido deportivo ás 18:00h xogarase no Seixo o partido amistoso entre o C.D. Allariz e o A.D.F. Molgas, e a festa rematará nos Xardíns do Museo do Coiro co baile popular amenizado pola Orquestra Compostela (21:00h).

Durante toda a fin de semana haberá venda continua de empanadas nos establecementos de hostalería, panaderías e pastelarías de Allariz.

Concello de Allariz
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.