Nos últimos días estamos asistindo a unha auténtica febre por conseguir calquera tipo de máscara que poida protexernos da COVID-19. Unha febre que se palpa na sociedade e que está collendo tintes de desesperación, a pesar de que -por agora- nin o Ministerio de Sanidade nin tampouco a OMS estean recomendando o uso masivo de mascarillas entre a poboación.
A iso contribúen en parte as noticias que saen na televisión e nos xornais e unha certa indefinición ao respecto na comunicación que está facendo o goberno estatal. Incluso estamos asistindo a unha sorte de carreira mediática entre algúns concellos e administracións por ver quen é capaz de repartir entre a poboación un maior número de máscaras, sexan do tipo que sexan, estean ou non homologadas.
Nun contexto de escaseza e de prezos astronómicos, esa teima por distribuír cubrebocas pode ter -está tendo- dúas consecuencias inmediatas: que se estea alimentando un estado xeral de ansiedade por conseguir máscaras e, ademais, que se estea contribuíndo a crear un falso sentimento de protección que faga descoidar o que si é importante, como por exemplo manter a distancia social de alomenos 2 metros, tusir contra panos desbotables, lavar ou desinfectar as mans con regularidade ao longo do día e non tocar a boca, os ollos ou o nariz.
Neste escenario, o Concello de Allariz segue aplicando as recomendacións da FEGAMP e das autoridades sanitarias, na liña de non deixarse levar pola febre colectiva e de actuar en todo caso de maneira coherente e responsable ata onde chegan as súas competencias.
Por esta razón, o envío de material da Xunta de Galicia estase destinando á protección do persoal do SAF e dos servizos esenciais (recollida do lixo e desinfección) -os lotes tampouco dan para máis- e optouse, como medida consecuente coa responsabilidade que debe tinguir calquera actuación municipal nestes intres, por non facer compras nin distribucións masivas de máscaras ante a imposibilidade de garantir a súa efectividade.
Unha postura que se adoptou desde o primeiro momento na consideración de que deben ser a Xunta e o Estado, como administracións competentes en materia sanitaria, quen articulen un sistema de abastecemento obxectivo, equitativo e por cauces oficiais que estea baseado en criterios científicos.
Por outra banda, en moitos casos dos que aparecen nas noticias da prensa, o que se están repartindo son máscaras hixiénicas ou de tipo cirúrxico dun só uso que deben tirarse ás poucas horas. Porén, a realidade é que moitas persoas están reutilizándoas unha chea de veces sen decatarse -porque ninguén llelo explicou- de que a máscara xa perdeu as súas propiedades e que incluso pode ser o punto de entrada do virus se non se emprega correctamente ou se se fai durante máis tempo do debido.
Así as cousas, o Concello de Allariz continúa aplicando os protocolos que, de momento, son os oficiais e que se centran en desinfectar espazos públicos e en protexer o persoal de Servizos e do Servizo de Axuda no Fogar, con máscaras e outro equipamento de protección individual homologado que está chegando semanalmente por medio dos envíos da Xunta de Galicia. Un material que dá para ir cubrindo as necesidades diarias de cada servizo e co que se pretende tanto protexer ás traballadoras e traballadores municipais como evitar que poidan ser un vector de posibles de contaxios.
Desde o Goberno local considérase que non é prudente nin responsable que o Concello asuma o reparto de mascarillas por varios motivos:
-
Nin a información da OMS nin a do Ministerio de Sanidade sinalan por agora a obriga de utilizar máscaras de forma xeralizada entre a poboación, e en ambos casos séguese insistindo en que as medidas máis efectivas para previr contaxios son o confinamento, a hixiene e a distancia social. De feito, a orde SND/354/2020 publicada no BOE ao respecto das medidas excepcionais para garantir o acceso da poboación a produtos como as máscaras, as luvas e os xeles hidroalcólicos, volve insistir nas recomendacións para previr contaxios: “o distanciamento interpersoal de aproximadamente dous metros; a hixiene de mans con xabón, como medida máis sinxela e eficaz para previr a transmisión sendo a alternativa, se non se tivese acceso, usar solución hidroalcólica; a limpeza e desinfección dos obxectos de uso persoal como lentes, móbiles, teclados, rato, tarxetas, etc.; as medidas para adoptar nos domicilios e zonas comúns como son a adecuada ventilación, a limpeza diaria, utilizando auga e xabón para as superficies de contacto frecuente ou a utilización de luvas dun só uso nas zonas comúns das casas”. Este listado de recomendacións finaliza dicindo que o uso de máscaras só estaría recomendado “cando non se pode manter a distancia interpersoal”.
-
Nun contexto como o actual en que existen dificultades a nivel mundial para conseguir máscaras e outro material sanitario, todos os lotes que se distribúan no Estado deberían contar con suficientes garantías de homologación e seguir un protocolo de reparto marcado polas autoridades sanitarias de forma unificada e coherente. O Concello de Allariz xa lle remitou un escrito a Xunta de Galicia hai varios días para que, como administración competente na materia, a través da Consellería de Sanidade estableza uns criterios para o reparto das mascarillas e o seu uso.
-
Os concellos, como administracións máis cercanas, deben cumprir todas as medidas de contención do virus ata onde chegan as súas competencias, que son: o mantemento do funcionamento administrativo e dos distintos servizos adaptándose ás actuais circunstancias, a prevención de contaxios entre o persoal municipal e as persoas usuarias dos servizos públicos e a desinfección de equipamento e mobiliario urbano, ademais do reforzo na atención aos colectivos máis vulnerables que puidesen ver empeorada a súa situación como consecuencia dos efectos da crise sanitaria. Entre eses cometidos non se encontraría o reparto masivo de mascarillas ou cubrebocas, ante a imposibilidade de ofrecer eses elementos de protección con totais garantías sobre a súa efectividade, cos avais de homologación preceptivos e en número suficiente para cubrir as necesidades obxectivas da poboación municipal que, por outra banda, o Concello nin pode nin debe establecer.
-
Consideramos que calquera Administración local debe actuar sempre con coherencia e responsabilidade, e máis nunha situación como a actual en que non se debe fomentar o pánico colectivo nin tampouco un estado xeral de ansiedade por conseguir certos produtos de hixiene e protección. Por esa razón o Concello sempre estará ao que ditaminen as autoridades sanitarias, sen emprender pola súa conta ningún tipo de medida alternativa aos protocolos e recomendacións oficiais que hai en vigor nestes momentos, nos que se indica que o uso de mascarillas só é importante en persoas que teñan síntomas -tose, febre, falta de aire- ou infectadas con coronavirus.
Alén destes motivos, ben é certo que nas últimas semanas houbo un grande movemento solidario entre distintos colectivos para producir e achegarlle á poboación máscaras e pantallas plásticas de fabricación caseira que non contan con certificación oficial, o que non significa que non ofrezan certos niveis de protección.
No caso de Allariz o Concello quere agradecerlle aos colectivos que nestes días estiveron a elaborar material de protección de forma desinteresada. As monxas do convento das Clarisas, a rede de costureiras que elaboraron mascarillas caseiras, e a distintas persoas e empresas que estiveron a fabricar mascaras de protección con impresoras 3D. Estas máscaras de protección foron entregadas ao Concello para distribuilas entre as residencias da 3ª idade e os colectivos de persoas con atención ao público.
Do mesmo xeito que o Concello non pode nin debe asumir un reparto unilateral de máscaras, tampouco sería lícito nin entendible que retivese ese material solidario e, a rede de costureiras solidarias, canaliza a súa distribución entregándoo nos negocios que continúan abertos – confiterías, tendas de ultramarinos, libraría, papelería, gasolineira, tenda de comidas para levar, froiterías e estanco-, coa finalidade de que fagan uso del no caso de non dispor doutro equipamento individual e que o repartan de balde entre a súa clientela.
Ligazóns de consulta (webs externas)
Manuais de actuación contra o coronavirus publicados polo Ministerio de Sanidade
Recomendacións da OMS sobre o uso de mascarillas
Comentarios recientes