O Festival Internacional de Xardíns de Allariz está preparando xa a súa próxima edición. O prazo de presentación das novas propostas estará aberto ata o 30 de novembro. Xardíns da Poesía será o título da edición número once e sobre el deberán xirar as propostas dos/as deseñadores/as que concursarán o vindeiro ano 2020.
O concurso 2020 coa temática “Xardíns da Poesía” aspira contar con propostas que recreen, en cada parcela, o espírito dun/ha poeta ou a atmosfera dun movemento poético.
As persoas concursantes deberán plasmar no seu proxecto a un/ha poeta representativos/as. Deste xeito, cada xardín será un espazo dedicado á súa obra. É unha forma de homenaxear a poesía que permitirá unir arte, cultura e paisaxismo e procurará á escolla de poetas representativos/as de cada pobo ao longo da historia.
Entre todas as propostas recibidas, un xurado de expertos/as no que están representadas as organizacións máis importantes do paisaxismo: asociacións, profesionais, deseñadores, artistas e o sector comercial, elixirá 10 proxectos que serán executados e exhibidos como finalistas na edición 2020. Estes 10 xardíns competirán polo voto dos/as visitantes, máis de 40.000 persoas que cada ano se achegan ao Festival interesados no aumento da calidade dos proxectos que se mostran.
O concurso está aberto a todas as persoas que desexen participar e as súas bases están dispoñibles en https://www.allariz.gal/festival/concurso-2020/