O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abrirá as portas da súa décima edición este domingo, día 12 de maio ás 20:00h.

Baixo o tema central “Xardíns de Cine”, o Festival, que poderá ser visitado ata o 3 de novembro, alberga doce xardíns efémeros seleccionados entre 37 propostas recibidas dende diferentes puntos da xeografía mundial. Destes doce, dez xardíns entran en concurso a través da votación do público que visita anualmente o recinto. Móstranse, ademais, o xardíns gañador do ano pasado, o portugués Forbidden Garden e o xardín deseñado polo alumnado dos centros docentes de Allariz, CEIP e IES.

Paisaxistas galegos,  cataláns, italianos, escoceses, austríacos, alemáns e mesmo americanos participan nesta edición de cine na que os visitantes poderán gozar de espazos dedicados a películas coñecidas ou outros máis conceptuais cheos de aromas florais e deseños que convidan a soñar.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz converteuse nunha cita consolidada no panorama paisaxístico e referente a nivel estatal por ser o único con estas características, polo que pasan, de maio a outubro, preto de 40.000 visitantes.

A inauguración terá lugar o domingo, 12 de maio, na que participarán a práctica totalidade dos creadores. A apertura reserva varias sorpresas en forma de teatro e música.