A Asociación Española de Paisajismo (AEP), entidade que forma parte do xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz —encargado de seleccionar cada ano os proxectos participantes—, organiza este venres 3 de outubro en Allariz unha xornada profesional baixo o título “Imaginación en flor: o arte do xardín efémero”.
A AEP, ademais, é a responsable de decidir a través das votacións dos seus socios a parcela gañadora do Premio Técnico en cada edición do festival, un recoñecemento á calidade e innovación dos deseños presentados.
Un programa para coñecer a creatividade do xardín efémero
O encontro desenvolverase ao longo do venres 3 de outubro no Salón de Actos do Fogar do Maior de Allariz, cun programa que combina relatorios, mesas redondas e experiencias prácticas arredor do xardín efémero.
A xornada abrirase ás 09:00 horas coa presentación institucional a cargo da alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e do presidente da AEP, Iñaki Viñuela. De seguido, o director do Festival de Xardíns, Francisco García, repasará a orixe e a filosofía deste certame, convertido nun referente internacional.
Pola mañá intervirá tamén o paisaxista Íñigo Segurola, socio de LUR Paisaje, quen falará sobre o proxecto “Xardín de xardíns”. Ademais, as empresas patrocinadoras —Rain Bird, Makita e Veraleza— daranse a coñecer antes da pausa café.
Ás 12:00 horas, Tino Feijoo, responsable técnico da construción dos xardíns de Allariz, explicará o proceso de levar un deseño do papel ao terreo. A continuación terá lugar unha mesa redonda sobre o papel dos festivais na creatividade e na formación en paisaxe, con representantes de universidades e escolas especializadas.
Xa ao mediodía, entregarase o Premio Xardín Galego de AGAEXAR, coa participación da alcaldesa Cristina Cid e do concelleiro de Medio Ambiente de Allariz, Bernardo Varela.
A sesión da tarde arrincará ás 15:30 horas cun relatorio de José Souto sobre as claves para deseñar un proxecto gañador en Allariz. Seguiralle a intervención de Sinda Dávila, que abordará o valor do festival como recurso creativo para a práctica profesional.
O bloque final estará dedicado á creatividade das novas xeracións, cun Pecha Kucha de experiencias de estudantes de paisaxismo presentado por Adriana Villar e Lara Caamaño. A xornada pecharase cunha visita guiada ao Festival Internacional de Xardíns de Allariz – Edición 2025, prevista para as 17:30 horas.
Finalmente, lembramos que continúa aberto o prazo de recepción de candidaturas para participar na edición 2026 do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que xirará arredor do lema “Os xardíns como espazos de liberdade”. Nesta ocasión, a liberdade —entendida en múltiples dimensións: da natureza, das persoas e da sociedade— será o fío condutor da convocatoria.
Os xardíns non só se conciben como espazos de beleza, senón tamén como refuxios onde as restricións se disipan, lugares de encontro coa natureza e símbolos de resistencia ecolóxica e social. Con esta proposta, o festival anima a deseñadores, arquitectos paisaxistas, artistas e creadoras de todo o mundo a presentar proxectos innovadores que reflexionen sobre como os xardíns poden converterse en escenarios de liberación e creatividade.
O prazo de presentación de proxectos está aberto ata o 30 de novembro de 2025. As propostas poden enviarse ao correo 📧 festivaldexardins@allariz.gal.
Máis información e bases completas en 🌐 allariz.gal/festival/



