Concurso 2018 – «O erotismo no xardín»

O xardín sempre foi un lugar especialmente propicio para o romance e a paixón, frecuentado en séculos pasados pola nobreza e as clases altas para os seus encontros amorosos.

Dende a antigüidade o xardín estivo vinculado aos conceptos do amor, ao erotismo e ás paixóns desatadas entre deuses e humanos. Na época barroca os xardíns imprégnanse de sensualidade e convértense en espazos para o xogo, o coqueteo, os paseos e o pracer. Os labirintos dos xardíns adquiren, co paso das décadas, unha carga sexual cada vez máis evidente, chegando a vincularse ao erotismo e ao xogo sexual no Século das Luces. Isto motivou as protestas dos clérigos, que conseguiron pechar labirintos como o dos xardíns de Versalles, segundo a súa denuncia, “polas actividades pouco decorosas que as parellas practicaban no seu interior”.

Xardíns con labirintos, fontes, terrados, aromas florais evocadores que os converten en lugares idóneos para a sedución. Xardíns que convidan  á intimidade, á confidencia, a perderse, a cumprir fantasías, á sensualidade,  ao cortexo, á busca do encontro entre amantes…

O cine, a literatura e o teatro non escapan da atracción de recrear historias de amor, paixón, sensualidade e erotismo, co xardín como escenario.

Presentación de Propostas antes do 30 novembro 2017

A continuación tes toda a documentación dispoñible en distintos idiomas sobre a normativa e información de interese para poder participar en cada edición.