II Edición – 2011 «A moda no xardín»

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz ven de clausurar a segunda edición adicada á Moda cun balance moi positivo segundo afirmaba o alcalde Francisco García.

A segunda edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, aberto dende o 14 de maio ata o 13 de novembro coincidindo coa Feira do Outono, recibiu a visita de 56.500 persoas que se achegaron ata Allariz para coñecer as sete propostas efémeras adicadas á moda, sendo agosto o mes de máis afluencia chegando ós 15.000 visitantes. Estas cifras supoñen uns ingresos de 25.600€ “un número importante de ingresos indicativo da aceptación que o festival ten para os visitantes” explicaba o Alcalde Francisco García.

A cifra de ingresos, cunha media de 3.000€ mensuais con reforzo en xullo e setembro e o máximo en agosto, superando os 7.000€, reforzan o balance positivo tendo en conta as tarifas reducidas dun euro na tarifa xeral e 0.50€ para xubilados e grupos.

A posta en marcha do Festival Internacional de Xardíns persegue dende o seu inicio varios obxectivos entre os que destaca a contribución á dinamización económica, aumentando á capacidade de atracción turística de Allariz. “Obxectivo cumprido” afirmaba o rexedor alaricano.

A importante actividade xerada ó redor da iniciativa paisaxística, como o desfile de moda da Escola de Deseño e Moda Felicidad Duce, o mercado de flores ubicado no recinto durante a fin de semana, ademais da celebración de asembleas e xornadas da Asociación Galega de xardineiros, ou o primeiro concurso de balcóns que adornou vivendas, establecementos e espazos públicos da vila, contribuíu á dinamización económica e potenciación do paisaxismo na xardinería como valores asociados a Allariz.

O Alcalde Francisco García destacaba as cifras que mostran “que o Festival Internacional de xardíns está consolidado e que é un proxecto con futuro”. De cara a edición 2012 o Concello de Allariz prevé ampliar en catro parcelas o recinto, e regular e actualizar as tarifas de entrada.

Votación popular

Os visitantes ó festival teñen a oportunidade de participar co seu voto elixindo o xardín que máis lles gusta. A decisión popular decidiu tres gañadores:
1º. A cor da pasarela do galego José Souto
2º Colorshow dos portugueses Ana Rita Morais e Paulo Tavares
3º A boneca, proposta francesa de Enmanuel de France y Arnaud Dambrine