V Edición – 2014 «Os xardíns da abundancia»

Na quinta edición do Festival Internacional de Xardíns de Allariz o tema escollido foi “Os xardíns da abundancia”. Máis de 30.000 persoas acudiron a ver os doce xardíns, entre os que, por primeira vez, participaba un xardín creado polo alumnado do CEIP Padre Feijoo.

A creatividade e a posta en valor da xardinaría e o paisaxismo son os aspectos máis valorados polo público que se achegou ata os xardíns. A recadación, de 29.317€ e as respectivas visitas fan do Festival un lugar de referencia con capacidade de atracción, que, ademais, permite a dinamización económica de Allariz.

Cos seus votos, o público decidiu proclamar gañador ao xardín IN-HOUSE, co 40% dos votos, dos coreanos Takyung Kim e Hansol Kang; o segundo posto foi para GEA, do equipo alicantino Unomas1, integrado por Gonzalo Montoya Abadía, Miriam Montoya Abadía e Paloma Hierro García; o terceiro posto foi para “Hai luz verde ao final do túnel”, un xardín reflexivo creado por Bea García, Patrizia Giannatasio, Araceli Abalde e Carlos García.

Esta edición acolleu, ademais, a celebración de varios eventos empresariais. A utilización do espazo como escaparate para o mundo empresarial, enfocado ao sector da xardinaría e o paisaxismo, así como a realización de actividades culturais, contribúe a facer do Festival, un lugar de referencia para o sector verde.

Empresas como Honda, Coplant e Husqvrna presentaron, no festival, os seus novos produtos; tamén bloguers e empresas de moda solicitaron o espazo para os seus catálogos e mesmo veciños e veciñas enmarcaron, alí, as súas fotografías persoais.