VI Edición – 2015 «Música no xardín»

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz encheu, de novo, o calendario paisaxístico co seu orixinal formato, único en España. Durante o ano 2015 os visitantes puideron gozar de lugares de contemplación para escoitar a música interior e labirintos que recreaban o camiño cara o canto de sereas, reproducido en pequenos dispositivos ao longo do xardín. Músicas que naceron coa visita aos xardíns, movendo bambú ou pisando grava volcánica e triturado de cunchas de mar. Un director para orquestrar as mil cores das flores e ata un xilófono feito de cañas para facer música “natural”. Todos estes son elementos singulares que os paisaxistas participantes destacaron nas súas instalacións grazas á música que lles inspirou.

Ademais de ver, ulir e sentir estas obras de arte verde, os máis de 40,000 visitantes que pasaron polo recinto, puideron tamén escoitalos. E por suposto votar polo seu xardín favorito. Ese resultou ser “A la IMAGINE de Allariz” do paraguaio Gabriel Ayala.